Marín valora "moi positivamente" a semana das Festas do Carme e anuncia que haberá Festa Corsaria
Por Redacción
As concelleiras Marián Sanmartín e Raquel Soage, encargadas da xestión das Festas en Marín, reuníronse durante a mañá deste venres para realizar un balance da semana das Festas da Virxe do Carme despois do seu día grande e de que os festexos tiveran que adaptarse á situación tan excepcional e delicada que estamos a vivir por mor da crise sanitaria da Covid19.
Para o Goberno local, a valoración é "moi positiva". "Dentro do que puidemos facer, a xente respondeu moi ben, non se produciu ningunha incidencia e toda a veciñanza que participou dos actos programados comportouse con moitísima responsabilidade", asegurou Sanmartín.
A aposta polo pequeno formato e pola diversificación das actividades para evitar aglomeracións nun punto específico da localidade deron moi bos resultados, puidendo desta forma manter a realización de festexos a menor escala, co motor económico que tamén supoñen para o comercio e a hostalaría locais, á vez que se cumpriu con todas as medidas de prevención e hixiene recollidas no decreto de nova normalidade.
Agora, segundo adiantou Sanmartín, "xa estamos traballando nas demais actividades de dinamización cultural que se realizarán durante as próximas semanas", tratando de pechar novas actuacións musicais polas rúas e prazas.
"Iremos anunciando pouco a pouco estas actividades porque queremos ir acompasados coa situación sanitaria en cada momento, sempre estando moi atentos dos datos e das indicacións das autoridades pertinentes", afirmaron as concelleiras.
Desta maneira segundo adiantaron este mañá, haberá Festa Corsaria o 15 de agosto, para a cal estase traballando co obxectivo de poder realizala, seguindo a filosofía do pequeno formato que tan ben funcionou no Carme. "Imos permitir que se coloquen mesas, pero estamos traballando nos requisitos que deberán cumprir con respecto ao aforo máximo, ás distancias mínimas... Queremos que todas as medidas queden claras para garantir a seguridade e a tranquilidade da veciñanza", insisten.
Tanto a feira de artesanía como a 'Vila mariñeira' estarán, pero non se permitirán os postos de venda de comida na Alameda. Por outra banda, tampouco haberá o espectáculo final, pero proporase outras alternativas que eviten a concentración de xente nun mesmo punto.
Relacionadas:
-
A festividade da patroa de Marín, a Virxe do Porto, dá o salto ás redes sociais
Por Redacción |
-
Este venres comeza en Marín a Festiña Corsaria
Por Redacción |
-
Este 25 de xullo non haberá repartición de bandeiras nin a romaría de Trompos os Pés no Concello de Marín
Por Redacción |
-
Chaman ao "sentidiño" mariñeiro neste día de celebración do Carme en Marín
Por Redacción |
-
Víctor Loira será o pregoeiro das Festas do Carme de Marín
Por Redacción |
-
Marín descarta as verbenas, os grandes concertos e as atraccións para as Festas do Carme
Por Redacción |