Silgar acolle un plan piloto de aluguer de cadeiras e antucas e recibe as críticas da oposición do goberno local
Por Redacción
O Paseo de Silgar acolle un plan piloto de aluguer de cadeiras e antucas para este verán.
Para iso, o concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, acudiu este venres á presentación deste sistema. Trátase dunha técnica innovadora e única en España que unha empresa privada quere implantar en Sanxenxo. "É un servizo que nos parece interesante e sostible medioambientalmente. Trátase de ofrecer alternativas innovadoras e cómodas aos bañistas", explicou o concelleiro de Medio Ambiente.
O director executivo da firma, Juan Jose Morante, explicou o sistema. "Sanxenxo será a primeira cidade que contará con este servizo. Facémolo a través dunha 'App' e unha base ou estación autónoma e de deseño para a cidade, alimentada a través de placas solares, que é a encargada de almacenar e dispensar todo o noso mobiliario", indicou. Na mesma liña, Morante incidiu en que "o noso modelo reduce o impacto ambiental que exercemos sobre as nosas praias e desinfectamos o noso mobiliario en todo momento para que a xente veña a Silgar despreocupada", asegura.
Despois de falar con moitos destinos de sol e praia do litoral español, Morante explica que "Sanxenxo é o enclave perfecto para lanzar este piloto, por ser un referente dentro do turismo nacional, e porque soubo adaptarse nesta época difícil que nos tocou vivir, para dar as mellores solucións aos veraneantes".
Críticas da oposición
Pola súa banda, o PSDG-PSOE de Sanxenxo non se tomou ben esta novidade.
"Onde está o concurso público para a concesión deste servizo?", cuestionou a líder socialista, Ainhoa Fervenza. "No consello de administración do organismo autónomo de turismo do que formo parte, falouse de que o Concello reservábase o dereito para poñer tumbonas, pero non se mencionou que serían os cidadáns os que o pagarían e moito menos que unha empresa sacaría beneficio do tema", criticou.
"O que está a facer Telmo Martín chámase delito de prevaricación; non contento con permitir que unha empresa se lucre do uso dun espazo público sen percibir nada a cambio, decide por imperativo absoluto quen vai ser a afortunada". "Telmo quere facelo ben pero non lle sae. A xente cada vez está máis incómoda en Silgar e empezan a escapar a outros areais. A nosa recomendación para o señor alcalde, é que non se meta en camisas de once varas. Que deixe de tentar inventar a pólvora e empezo a utilizar o sentido común, que visto o visto parece que é o menos común de todos os sentidos, concluíu a socialista.
Relacionadas:
-
A nova figura do verán de Sanxenxo: "Somos informadores, non somos policías de praia"
Por Natalia Puga |
-
Activan un plan para "afianzar" a Sanxenxo como un destino orientado ao turismo familiar e deportivo
Por Alejandro Espiño |
-
Ciudadanos Sanxenxo critica a Telmo Martín pola xestión do verán: "está a ser catastrófica"
Por Redacción |
-
Música, maxia, humor e cinema enchen de actividade a programación cultural de Sanxenxo durante o verán
Por Redacción |
-
Portonovo e Sanxenxo estrean viaxes regulares ata as illas Cíes
Por Redacción |
-
Silgar xa ten prioridade peonil
Por Redacción |