Os paseos pola praia, con máscara obrigatoria
Por Natalia Puga
A máscara será de uso obrigado para toda a cidadanía tanto ao aire libre como nos espazos pechados, sempre que se poida concorrer con outras persoas e aínda que se poida garantir a distancia de metro e medio. Esta medida, que aprobou este venres o Consello da Xunta, suporá un cambio fundamental nas praias galegas, onde haberá que usar esta protección para saír pasear.
Nas praias e piscinas tan só se poderá retirar a máscara durante o baño ou cando se permaneza na toalla sen desprazarse, pero, para moverse, haberá que levala posta.
As excepcións serán: aquelas persoas que teñan problemas respiratorios; cando se trate de persoas convivintes, tanto en espazos abertos como pechados; nos establecementos de hostalería, no momento de consumir; e no caso de exercicio ao aire libre, sempre que sexa individual.
O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este venres que o Consello da Xunta de Galicia adaptou o acordo de medidas preventivas para facer obrigatorio o uso de máscaras en todo momento.
Feijóo lembrou que todos os expertos coinciden en que o uso xeneralizado de máscaras está a amosarse como unha das medidas máis eficaces para evitar a transmisión do virus, de maneira que, con esta medida, Galicia dá outro paso máis no eido da prevención.
MEDALLA DE OURO DE GALICIA
O goberno galego tamén decidiu este venres outorgar a Medalla de Ouro de Galicia 2020 aos profesionais da sanidade galega implicados na atención aos pacientes con Covid-19.
Feijóo lembrou que é a máis alta condecoración que outorga a Xunta de Galicia e que se concede a "aqueles que puxeron a súa vida á disposición de Galicia e que nos coidaron durante este tempo, desde o punto de vista sanitario no senso amplo".
Todos os profesionais que traballaron e que seguen a traballar cos pacientes con coronavirus son, segundo Feijóo, "merecentes" da única Medalla de Ouro de Galicia deste ano, coa que a Xunta busca "honrar a todas as persoas que nos coidaron e a todos aqueles que non escatimaron esforzos, poñendo moitas veces en risco as súas vidas para coidar aos afectados por unha pandemia que acabou con centenares de vidas en Galicia, miles no conxunto de España e moitas máis en todo o mundo, e que cambiou as nosas vidas para moito tempo".
Relacionadas:
-
A Garda Civil eleva a 218 o número de denuncias impostas no Salnés por non usar máscara
Por Redacción |
-
Na praia, non sen a túa máscara
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Último día de praia sen obriga de máscara: moita xente, pouca protección
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
"Aglomeración incontrolada" e "relaxación de medidas de seguridade", motivos para prohibir o botellón
Por Natalia Puga |
-
As máscaras serán obrigatorias en discotecas e locais de lecer nocturno
Por Alejandro Espiño |