Sabela Ramil e Patri Hermida, no ciclo En3vistas: "O galego non implica facer unha soa música"
Por Mónica Patxot & Redacción
A súa férrea defensa do galego en horario de máxima audiencia nun programa televisivo de consumo masivo como 'OT' é, sen dúbida un dos acenos de identidade de Sabela Ramil (Ourol, 1993) e este venres volveu insistir nela durante a súa participación no ciclo En3vistas, posto en marcha pola concellaría de Normalización Lingüística de Pontevedra para demostrar que o uso do galego na vida cotiá é cuestión de determinación.
Sabela charlou coa produtora musical Patri Hermida, mánager de Terbutalina ou Heredeiros da Crus, e relatou como o uso da lingua propia de Galicia forma parte do seu día a día tanto a nivel persoal como profesional, nun sector, o musical, no que experiencias como a súa poden axudar a facer máis sinxelos os camiños da novas xeracións.
"O galego non implica facer unha soa música", quixo insistir a cantante, que está inmersa na xira do seu primeiro disco, ‘Despedida’, que inclúe dous temas en galego. Patri Hermida deu especial importancia a que, precisamente, o single de presentación dese disco fora en galego e ambas as dúas mulleres defenderon a necesidade de normalizar o uso da lingua galega en todos os estilos musicais e non só nos máis tradicionais.
Na súa conversa con Patri Hermida, que se celebrou no parque dos Gafos e foi, ata agora, a de maior presenza de público, as dúas mulleres afondaron nesa idea, en que "o galego non son só gaitas" e na música non só está vencellado ao folclore.
A través dun percorrido polas experiencias musicais de Sabela e da súa infancia marcada por Luar na Lubre e, sobre todo, Berrogüetto, fixeron un repaso por artistas que teñen feito música en distintos estilos sempre usando a lingua de Galicia, desde Mercedes Peón a Heredeiros da Cruz.
Ante un público fundamentalmente novo, referíronse ao positivo de que as novas xeracións sigan apostando pola súa lingua propia, con propostas como Baiuca, sinalada por Sabela Ramil como unha da súas referencias máis actuais.
Sabela Ramil irrompeu con forza no panorama musical español e non só será recordada por ser a primeira concursante de OT en cantar en galego nas súas galas, senón polo seu emprego cotiá. Así, durante o día a día na Academia non era raro que empezara a cantar de xeito espontáneo en galego e, cando estivo a punto de abandonar o concurso no que ao final rematou no cuarto lugar, sempre optou por interpretar en galego.
Con Patri Hermida lembrou a súa infancia en Ourol e tamén en As Pontes, as súas primeiras experiencias musicais vencelladas a agrupacións locais e bandas e como, no seu primeiro colexio, "ninguén ou case ninguén" falaba galego.
Experiencias coma esa non cambiaron a súa determinación de seguir a ser galegofalante porque seguía a ser a lingua nai coa súa familia, pero si entende que esa circunstancia pode estar detrás da decisión de que moita xente nova se pase ao castelán, "pola presión do grupo".
A propia concursante no famoso programa musical de TVE tivo coñecemento destas situacións en primeira persoa durante a súa xira cos outros concursantes de OT 2018 ou co seu propio disco, pois moitos galegos achegáronselle e dixéronlle que non falaban galego, pero, despois de escoitala a ela, ían intentar facelo, segundo desvelou ela mesma este vernes.
O deporte será o eixo central da vindeira charla, que se celebrará na avenida de Santa María o luns 20 de xullo, ás oito da tarde. Os protagonistas serán o atleta lucense Adrián Ben, unha das grandes promesas do medio fondo nacional, e o xornalista Diego Espiño como representante dun medio, PontevedraViva, que apostou polo galego desde a súa fundación.
Relacionadas:
-
Sés, Ledicia Costas e Ángel Carracedo súmanse ao ciclo 'En3vistas'
Por María José Pita |
-
Volve o ciclo 'En3vistas' con Carlos Blanco entre os participantes
Por María José Pita |
-
Cora Velasco e Marcelo Dobode clausuran o ciclo En3vistas: "Daste conta de que o galego é un privilexio"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Adrián Ben pon o punto deportivo ao ciclo En3vistas: "O galego é unha das cousas que máis boto de menos cando estou en Madrid"
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O cociñeiro Javier Olleros e o promotor cultural Kin Martínez promoven a lingua galega en En3vistas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A actriz María Mera, primeira entrevistada en En3vistas: "Hai que falar galego e ensinar aos que veñen detrás"
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Cinco entrevistas na rúa para demostrar que o uso do galego tamén é sinónimo de éxito
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |