"Aglomeración incontrolada" e "relaxación de medidas de seguridade", motivos para prohibir o botellón en toda Galicia
Por Natalia Puga
O Diario Oficial de Galicia (DOG) deste sábado aporta as explicacións oficiais sobre por que a Xunta optou por prohibir a celebración de botellóns en toda Galicia. A medida, dada a coñecer este venres, será de aplicación a partir deste domingo.
Os botellóns son un foco potencial de contaxios e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa amosara a súa preocupación nos últimos días por algunhas imaxes que circulaban por redes sociais e medios de comunicación nas que os participantes nestas festas non respectaban as medidas de prevención axeitadas para evitar a expansión do coronavirus.
Agora, o DOG pon nome a esa prohibición argumentando que resulta necesario establecer unha prohibición expresa da actividade, tendo en conta os riscos que presenta para a saúde pública, "relacionados coa aglomeración incontrolada de persoas e coa ausencia ou relaxación de medidas de seguridade e de distanciamento persoal".
Sen prexuízo das prohibicións específicas que, de ser o caso, recollan as correspondentes ordenanzas municipais, a Xunta establece que queda expresamente prohibido o consumo de bebidas alcohólicas na vía pública, parques e prazas públicas e noutros lugares de tránsito público e determina tamén que a Administración local correspondente deberá adoptar as medidas oportunas para impedir a existencia de aglomeracións de persoas con esta finalidade.
Esta prohibición non será aplicable no caso de consumo en terrazas ou con ocasión de festas e verbenas populares ou de actividades ou eventos que conten co título habilitante que sexa preciso en cada caso.
Este mesmo DOG dá tamén detalles sobre o uso obrigado de máscaras a partir deste domingo, día seguinte á publicación do boletín. Así, insiste en que o uso xeneralizado da máscara está a demostrarse como unha das medidas máis eficaces para previr a transmisión da enfermidade, polo que resulta necesario reforzar a súa utilización, ampliando os supostos en que o seu uso resulta obrigatorio, co fin de evitar, especialmente, que as persoas asintomáticas que non coñecen a súa condición de portadoras da infección procedan á súa transmisión.
Para as persoas de seis ou máis anos será obrigatorio o uso da máscara en todo momento, tanto cando se estea na vía pública e en espazos ao aire libre como cando se estea en espazos pechados de uso público ou que se encontren abertos ao público, aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros.
A norma especifica que deberá darse un uso axeitado á máscara, é dicir, esta deberá cubrir desde parte do tabique nasal ata o queixo, incluído. Ademais, a máscara que se debe empregar non deberá estar provista de válvula exhalatoria, agás nos usos profesionais para os cales este tipo de máscara poida estar recomendada.
O DOG recoñece excepcións como o deporte individual ao aire libre, o cal pode quedar exceptuado do uso máscara sempre dun modo responsable e co necesario respecto e protección das persoas que utilicen o mesmo espazo para actividades distintas do deporte, como pode ser o paseo.
Tamén poderán non levar máscara as persoas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo seu uso ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitar a máscara, ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.
Outra excepción son os vehículos de turismo, cando todas as persoas ocupantes convivan no mesmo domicilio.
Nas praias e piscinas, poderá non usarse durante o baño e mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse, e sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre todas as persoas usuarias non conviventes. En calquera caso, será obrigatorio o uso de máscara para os accesos, desprazamentos e paseos nas praias e piscinas.
Nos establecementos de hostalaría e restauración, non será necesaria por parte dos clientes do establecemento exclusivamente no momento específico do consumo e no interior dos cuartos de establecementos de aloxamento turístico e outros espazos similares, cando unicamente se atopen neles persoas que se aloxen no cuarto.
Ademais, nos espazos privados, abertos ou pechados, de uso privado, recoméndase o uso de máscara, no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non conviventes, aínda que se poida garantir o mantemento da distancia de seguridade interpersoal.
Relacionadas:
-
O Concello estuda revisar a ordenanza que regula o botellón ante a lei da Xunta que prohibe a súa celebración
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra, unha cidade con poucos incumprimentos: só 37 cidadáns denunciados por non levar máscaras
Por Natalia Puga |
-
A Policía Local de Poio identifica un grupo de menores consumindo alcol e incumprindo as medidas de seguridade e hixiene
Por Redacción |
-
A Garda Civil eleva a 218 o número de denuncias impostas no Salnés por non usar máscara
Por Redacción |
-
Na praia, non sen a túa máscara
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Último día de praia sen obriga de máscara: moita xente, pouca protección
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Os paseos pola praia, con máscara obrigatoria
Por Natalia Puga |