'Galicia, Mellor Sen Touradas' aplaude a suspensión da feira taurina de Pontevedra
Por Redacción
A plataforma 'Galicia, Mellor Sen Touradas' aplaude a decisión tomada polos donos da praza de touros de Pontevedra de non realizar este verán a feira taurina da Peregrina como consecuencia da crise sanitaria do coronavirus.
O colectivo cre que os promotores da feira optaron pola súa suspensión "tratando de esquivar posibles consecuencias civís ou penais en caso de rebrote nesta actividade", despois de que outras actividades do sector si celebradas noutros puntos de España orixinasen aglomeracións.
Este colectivo vía unha "chaladura" o mantemento da convocatoria en Pontevedra e tamén o "lume de artificio" que supoñía tentar a compra dos dereitos dunha emisión en directo por parte de Televisión Española e agora congratúlanse da suspensión.
Agora que se suspendeu definitivamente a feira taurina deste 2020, 'Galicia, Mellor Sen Touradas' tamén aproveita para reclamar a apertura dun debate político sobre a transformación do "ínfimo sector" existente na comunidade, con medidas que contribúan a xerar postos de traballo de calidade e non esa " pseudodependencia temporal" de dúas xornadas de traballo na praza.
Demandan tamén abrir ese debate para buscar unha mellor explotación da praza de touros, a única presente en Galicia e que podería ser utilizada en fins comerciais ou públicos.