A área sanitaria contabiliza nove casos activos de coronavirus, un máis que o venres e ningún no hospital
Por Natalia Puga
Un novo positivo detectado na última xornada eleva este sábado a nove o total de casos activos de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde, a área sanitaria continúa libre de Covid-19 nos seus hospitais, pois non ten ningún paciente con coronavirus hospitalizado en planta nin en área de coidados críticos nin no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, nin no Hospital do Salnés nin no QuirónSalud Miguel Domínguez.
Desta forma, o novo caso activo súmase aos oito que este venres xa están evolucionando nos seus domicilios en illamento para evitar contaxios.
Desde o inicio do plan de contingencia da Covid-19 curáronse 901 pacientes, ningún na última xornada, e faleceron por este virus na área sanitaria 16 pacientes.
A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 218, seis menos que os 224 contabilizados o venres. Deles, 31 son da área da Coruña, 148 da de Lugo, 5 da de Ourense, 9 da de Pontevedra, 17 da área de Vigo, 7 da de Santiago, e 1 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 1 permanece en UCI, 6 están en unidades de hospitalización e 211 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 11.054 persoas curadas e rexistráronse 619 falecementos.
O número de probas PCR realizadas é de 231.082 e tan só hai un caso activo de coronavirus en centros residenciais e servizos sociais de Galicia. Dos 218 casos positivos na comunidade, un é un profesional dun centro residencial. Do total de falecidos ata agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
Sen cambios na incidencia do coronavirus na área sanitaria: nove positivos e ningún no hospital
Por Natalia Puga |
-
Todos os compañeiros do médico con coronavirus de Baltar dan negativo na PCR e continúa o control sobre os pacientes
Por Natalia Puga |
-
Os hospitais da área sanitaria volven estar libres de Covid-19
Por Natalia Puga |