Rescatan seis persoas en apertos cando regresaban de navegar en piragua en Vilagarcía
Por Redacción
Seis persoas tiveron que ser rescatadas polos servizos de emerxencia na tarde deste domingo ao verse en apertos nunha zona próxima á Illa de Cortegada, en Vilagarcía de Arousa.
Segundo a información facilitada polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias ( CIAE) 112 Galicia, os feitos ocorreron sobre as 18.45 horas e tiveron a súa orixe na néboa densa que se xerou na Ría de Arousa durante a tarde. As persoas desorientáronse por mor da néboa cando regresaban a terra de navegar en dúas piraguas.
O 112 Galicia pediu a participación no rescate do Servizo de Salvamento Marítimo e o Servizo de Gardacostas de Galicia, aínda que, finalmente, descartouse a súa intervención e foi suficiente coa actuación do Servizo de Emerxencias de Vilagarcía.
Tras finalizar o rescate, os membros do Servizo de Emerxencias confirmaron ao 112 que as dúas embarcacións foron remolcadas ata a praia das Concha.
Ningún dos seis tripulantes necesitou asistencia sanitaria.