Sen cambios na situación epidemiolóxica da área sanitaria: nove casos activos en seguimento domiciliario
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantense nos nove casos activos de coronavirus desde o domingo. Este martes 21 de xullo non se rexistraron cambios na situación epidemiolóxica con respecto ao luns.
Segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde, todos están en seguimento domiciliario, illados e coa súa evolución baixo vixilancia dos profesionais sanitarios.
A área sanitaria continúa libre de Covid-19 nos seus hospitais, pois este martes non ten ningún paciente con coronavirus hospitalizado en planta nin en área de coidados críticos nin no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, nin no Hospital do Salnés nin no QuirónSalud Miguel Domínguez.
Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 902 pacientes, ningún nas últimas 24 horas, e faleceron 16 persoas.
A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 178, un importante descenso fronte aos 202 que se contabilizaban o luns. Deles, 31 son da área da Coruña, 106 da de Lugo, 5 da de Ourense, 9 da de Pontevedra, 18 da área de Vigo, 9 da de Santiago, e ningún da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 7 están en unidades de hospitalización e 171 no domicilio, non habendo ningún en UCI. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.116 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 235.064 e tan só hai un caso activo de coronavirus en centros residenciais de servizos sociais de Galicia. Dos 178 casos positivos na comunidade, un é un profesional dun centro residencial. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
Os casos de Covid-19 dispáranse na área sanitaria, con 5 novos positivos e 15 casos activos
Por Diego Espiño |
-
Repunte de casos de Covid na área sanitaria, con 4 positivos rexistrados nas últimas horas e 11 casos activos
Por Diego Espiño |
-
O Sergas contabiliza o mesmo número de positivos na área sanitaria na última xornada
Por Redacción |
-
Unha froitaría de Pontevedra pecha por precaución tras dous casos de COVID-19 na familia
Por Redacción |
-
Galicia descarta "a día de hoxe" pechar o lecer nocturno e celebra o uso "xeneralizado" de máscaras
Por Alejandro Espiño |
-
Un novo positivo e un paciente curado máis, balance do coronavirus na área sanitaria
Por Natalia Puga |