Asinado o acordo entre Xunta e Concello de Marín para habilitar un centro de día na Casa do Mar
Por Redacción
Xunta de Galicia, concretamente Consellería de Política Social e Concello de Marín xa asinaron o acordo que permite comezar coa reforma da primeira planta da Casa do Mar para habilitar un centro de día para maiores. Este convenio estaba pendente de firma desde o pasado mes de febreiro, cando a titular autonómica de Política Social, Fabiola García, visitou as dependencias obxecto de remodelación.
O montante económico necesario para converter a primeira planta da Casa do Mar, situada na rúa Ezequiel Massoni, en centro de día elévase a 300.000 euros, dos cales, 200.000 achega a Xunta. Será o Concello o encargado de executar as obras de remodelación que contemplan unha ampla sala de usos múltiples, espazo para rehabilitación, outro espazo para lecer, cociña e lavandería.
A intención do Concello de Marín é que o próximo ano este centro de día poida estar operativo. Así, esta nova dotación asistencial sumarase ao Centro Terapeútico para Persoas con Alzheimer que funciona desde finais do ano pasado na Finca de Briz en colaboración con Afapo. De feito os usuarios deste Centro Terapéutico poderán ser beneficiarios do centro día, cando a oferta do primeiro - dúas sesións semanais - resulten insuficientes.
Actualmente, esta primeira planta da Casa do Mar atópase baleira, mentres que a segunda e a terceira planta albergan varios servizos e oficinas do Instituto Social da Mariña. Na planta baixa sitúase unha escola infantil de titularidade autonómica; como o centro sociocomunitario e a residencia de maiores do edificio anexo.