O parque Rosalía de Castro, lugar no que o BNG celebrará o Día da Patria en Pontevedra
Por Redacción
A pesar da COVID-19, o BNG non se resiste a deixar pasar a ocasión de celebrar, como cada 25 xullo, o Día da Patria Galega. Iso si, a diferenza de anos anteriores, non será cun acto multitudinario en Santiago, senón que haberá actos nas sete grandes cidades galegas.
No caso de Pontevedra o lugar elixido é o parque Rosalía de Castro, nas inmediacións do Recinto Feiral. Será o vindeiro sábado, a partir das doce e cuarto do mediodía.
A cidade do Lérez será a referencia para celebrar esta efeméride nas comarcas de Pontevedra, Caldas, O Salnés e O Morrazo, segundo explicou a formación nacionalista.
O responsable local do BNG en Pontevedra, Demetrio Gómez, sinalou que este acto estará aberto "a todos os que lle queren a este país".
Nel intervirán os deputados Luís Bará e Montse Prado, a poeta Miriam Ferradáns e Marta Gómez, responsable comarcal de Galiza Nova.
Ademais, a través dunha pantalla que estará instalada no parque os asistentes poderán conectar co acto central de Santiago, onde participarán, entre outros, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.