Reclaman que Sanxenxo retire o nome de "Juan Carlos I" ao porto deportivo
Por Alejandro Espiño
Do mesmo xeito que está a pasar en numerosas localidades de toda España, as honras concedidas ao rei emérito puxéronse en cuestión en Sanxenxo, municipio no que, ademais, Don Juan Carlos I pasa cada vez tempadas maiores.
Así, o BNG presentou unha moción para que a corporación municipal retire o nome do monarca do porto deportivo de Sanxenxo.
A portavoz nacionalista Sandra Fernández Agraso lembra que a fiscalía suíza investiga unha conta bancaria na que, presuntamente, Arabia Saudita depositou 100 millóns de euros a nome dunha sociedade panameña cuxo beneficiario sería Juan Carlos de Borbón.
Este diñeiro, que segundo a concelleira do BNG, é de "dubidosa legalidade e lexitimidade" estaría relacionado cunha suposta actividade "comisionista" no contrato do AVE á Meca e saíu á luz por unhas gravacións a Corinna Larsen, presunta amante do monarca.
Os nacionalistas consideran que as "prácticas corruptas" do rei emérito e a "pouca credibilidade" que queda nunha monarquía española "profundamente desprestixiada, anacrónica e impropia dunha democracia" motivan este cambio de nome do porto.
"Non condenar estas condutas, permitilas e amparalas é lexitimar socialmente a corrupción", sinala Fernández Agraso, que considera que estas instalacións náuticas deben ser rebautizadas por "consenso social" dos veciños e veciñas de Sanxenxo.
Debería ser, en todo caso, co nome de alguén que sexa "merecedor" desta homenaxe "e non alguén que está defenestrado por supostos casos de corrupción practicamente corroborados pola Casa Real", tras a renuncia de Felipe VI á herdanza do seu pai.
Esa comunicación formal do rei, segundo o BNG de Sanxenxo, é unha "confesión en toda regra" das prácticas do seu pai, o que para os nacionalistas supón "máis dúbidas" sobre unha institución "obsoleta" e que está "cada vez máis ensombrecida".
Relacionadas:
-
Apoio do Náutico de Sanxenxo ao Rei Emérito: "As portas do noso club sempre estarán abertas para recibilo"
Por Redacción |
-
A Transición vai analizarse desde unha visión crítica nunhas xornadas sobre Memoria histórica promovidas pola Deputación
Por Anxo Lourido |
-
Telmo Martín sae en defensa de Juan Carlos I cargando contra "el simplismo y el populismo que nos gobierna"
Por Oskar Viéitez |
-
VIDEO.- A cacerolada contra a monarquía tamén resoa nos balcóns de Pontevedra
Por Redacción |
-
O rei emérito reaparece en Sanxenxo tras a súa operación de corazón: "Estoy bárbaro"
Por Redacción |
-
O rei emérito volve pasear por Sanxenxo
Por Redacción |