Carme da Silva sobre ENCE: "Chernobil tamén era a central máis segura do mundo ata que non o foi"
Por Alejandro Espiño
"Todas as empresas contaminantes funcionan ben ata que non o fan", di Carme da Silva. Aí están os exemplos, sinalou, de Brenntag en Caldas de Reis "que provocou un problema moi grave no Umia" ou de Chernobil "que era a central nuclear máis segura do mundo ata que non o foi". Así se refería a responsable de Medio Ambiente e Seguridade Cidadá ao último "escape" que se produciu na fábrica de Ence en Lourizán.
Carme da Silva explicou que o pasado sábado, ás 13.30 horas, Bombeiros e Policía Local comezaron a recibir chamadas de veciños de San Brais e das rúas Ruibal e Rosalía de Castro alertando dun novo escape en Ence, relatando episodios de irritacións respiratorias. Neste momento, sinalou, "era ben visible unha nube branca que se vía desde moitos puntos da cidade" e que obrigou a mobilizar aos servizos de urxencia.
"Non pretendemos alarmar á cidadanía, porque é a xente a que chama relatando episodios de malos olores e problemas", reiterou a edil nacionalista, que desvelou que pola tarde seguiron as chamadas cidadás, esta vez desde Blanco Amor e San Pedro Alcántara. Dada a insistencia destas chamadas e ante o incidente anterior, a Policía Local acudiu á factoría "por se fora necesaria a colaboración dos servizos de emerxencia municipais".
A explicación oficial de Ence foi, segundo Carme da Silva, que se produciu un fallo eléctrico na caldera de biomasa, pero desde o Concello non se fían. Por iso é polo que esixan á empresa informes de "técnicos competentes e externos" e "total claridade" sobre o ocorrido "porque son demasiados erros en pouco tempo". Trátase dunha petición que dirixen tamén á Xunta de Galicia, competente en materia ambiental, "porque a nós non nos dan explicacións".
"ENCE E UN PERIGO LATENTE", SEGUNDO O PSOE
Agustín Fernández afirmou que Ence "é un perigo latente" e sinalou que se trata dunha empresa "contaminante por mar e por aire"
Desde o PSdeG-PSOE, Agustín Fernández sumouse ás críticas a Ence. Afirmou que lle parece "inadmisible que a empresa intente desviar a atención culpando ao Concello de crear alarma social porque a única culpa é deles e da Xunta que llo consinte". Indicou que o goberno local só se fai eco das denuncias cidadás e que lle esixiu á empresa "que diga a verdade do que está pasando".
Agustín Fernández afirmou que Ence "é un perigo latente" e sinalou que se trata dunha empresa "contaminante por mar e por aire". Neste sentido, criticou que a Xunta de Galicia, á que cualificou de "colaboradora necesaria" neste asunto, peche o expediente "sen a máis mínima investigación" cando se trata de "episodios graves que afectan aos cidadáns". Di que "faría ben en explicar por que non adopta ningún tipo de medida e asumen sen máis as explicacións da empresa".
O socialista afirmou que "isto cheira e non só en sentido literal, senón tamén en sentido político". E de feito, chegou a sinalar que Ence é unha "colaboración destacada" do presidente da Deputación, Rafael Louzán. "Os patrocinios de Ence a moitas das súas iniciativas teñen un prezo", explicou. "Se trata de tapar as súas vergoñas a cambio dalgunhas cousas".
Por iso é polo que reiterase que a empresa "faría ben en buscarse unha nova ubicación fóra de Pontevedra". Trátase dunha empresa, dixo, que "hai moitos anos" que debería ter deixado a súa ubicación actual. Aínda que fixo certa autocrítica, xa que afirmou que desde o Concello "igual non se fixo todo o posible para que se fora". En todo caso, insistiu en que Ence "desprecia profundamente a Pontevedra" e insistiu no seu desexo que se vaia "antes do 2018".
Relacionadas:
-
Moreira solicitará datos a Lores sobre a resposta municipal ao último incidente en ENCE
Por Redacción |
-
O Concello de Pontevedra critica a "confluencia de intereses" entre Ence e o Goberno galego
Por Oskar Viéitez |
-
Lores responde a ENCE: "Cando o fume sae ao aire e cheira, leva substancias. Non é vapor de auga"
Por Alejandro Espiño |
-
ENCE advirte a Lores que o seu descoñecemento sobre a factoría "non o autoriza a mentir nin a alarmar"
Por Oskar Viéitez |
-
Veciños de Pontevedra quéixanse dun novo escape en ENCE e a empresa négao
Por Anxo Lourido |
-
Lores: "Temos case 9.000 parados, non vamos a resolver o problema do paro con 200 traballadores de ENCE"
Por Diego Espiño |
-
Os técnicos da Xunta non inspeccionaron ENCE tras o incidente e consideran que é un "episodio puntual de mal olor"
Por Anxo Lourido |