A piscina de Bueu, lista para a súa inauguración a falta dos "últimos detalles"
Por Redacción
"En moi pouco tempo", segundo aseguraron este martes a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Bueu, Félix Juncal, os veciños e veciñas do municipio verán saldada unha "débeda histórica". Será coa inauguración da nova piscina cuberta.
As obras están rematadas a falta dos "últimos detalles", avanzaron ambos dirixentes na visita que realizaron a unhas instalacións nas que se investiron 2,78 millóns de euros, dos que a Deputación achegou o 98% a través do Plan Concellos e do Plan de Reequilibrio.
Ambos mostraron a súa satisfacción porque Bueu vaia a contar moi pronto cunha piscina "do século XXI" que completará as instalacións deportivas municipais do municipio.
"Ver esta piscina practicamente rematada é para min unha grande felicidade porque na política estamos para cumprir os soños da cidadanía", destacou Silva.
A piscina cuberta de Bueu, situada nas Lagoas e cuxa construción comezou a finais de 2018, era unha das prioridades do concello dende hai máis de dez anos.
Conta con tres alturas e ademais da piscina, cun vaso de 25 metros por 15 e ata seis rúas, a infraestrutura dispón de salas para actividades deportivas dirixidas, ludoteca e ata un espazo acondicionado para ver o interior da piscina.
O proxecto foi elaborado sobre a base do aforro enerxético para reducir os custes de explotación, contando con medidas de eficiencia como placas fotovoltaicas e paneis captadores orientados ao sol para absorber a enerxía solar.
Relacionadas:
-
Preto dun cento de persoas estrean a nova piscina municipal cuberta de Bueu
Por Redacción |
-
Bueu inaugura a súa piscina municipal
Por Redacción |
-
Bueu retoma as obras da piscina municipal, que estará lista na primavera do 2020
Por Redacción |
-
Garanten que a piscina municipal cuberta estará rematada "en febreiro ou marzo" de 2020
Por Redacción |
-
Carmela Silva saca peito dos plans DepoRemse e Reequilibrio da Deputación: "Nunca se fixera tanto"
Por Natalia Puga |