Unha rede de escalada e un tobogán ampliarán a zona de xogo en Punta Vicaño
Por Oskar Viéitez
O Concello de Sanxenxo ampliará a zona de xogo en Punta Vicaño cunha estrutura de rede escaladora e tobogán. O novo elemento que saíu a licitación por 49.993 euros axudará a enriquecer o espazo lúdico infantil do parque. A estrutura permitirá aos nenos maiores de seis anos estar en contacto coa natureza, practicar exercicio e traballar a coordinación, o equilibrio e a seguridade. A nova peza de xogo combinará unha estrutura de rede escaladora con tobogán e unha base con céspede artificial sintético de 94 metros cadrados.
Esta actuación completará as obras de mellora executadas no parque de Punta Vicaño que concluíron a finais do ano pasado e que contaron cunha subvención de 88.298 euros do Fondo de Compensación Ambiental dependente da Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Concretamente, un total de 48.301 euros destináronse á mellora do carreiro principal do parque e a construción dun estanque con plantas acuáticas que, ademais de embelecer a contorna, fomenta a presenza de paxaros na zona. Outros 39.997 euros utilizáronse para mellorar o carreiro que circunvala a marxe esquerda do parque e a instalación dunha rede eléctrica con luminarias en ambos os camiños.
O goberno local aposta pola mellora e embelecemento dun espazo verde moi frecuentado por nenos e adultos debido á súa situación estratéxica e as posibilidades que ofrece tanto en práctica deportiva como de xogo. Esta nova estrutura estará financiada ao 70% pola Xunta e o 30% restante polo Concello.
Relacionadas:
-
A nova rede con tobogán do parque de Punta Vicaño estará instalado antes de final de ano
Por Redacción |
-
Tímida chegada da 'nova normalidade' aos parques: "Non se podía vir porque o coronavirus é malo, sobre todo para os avós"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Sanxenxo ultima as obras de Punta Vicaño e da PO-308 coa vista posta no verán
Por Redacción |