Caldas ampliará o acceso a Outeiro cunha nova rotonda na N-550
Por Redacción
A cesión duns terreos por parte da empresa Pompas Fúnebres San José permitirá ao Concello de Caldas ampliar a estrada que dá acceso ao núcleo de Outeiro, en Santa María de Bemil.
O acordo de cesión afecta a dous predios necesarios para a futura ampliación da estrada e para a construción dunha nova glorieta neste punto da N-550.
Tras asinar o acordo, o alcalde visitou as parcelas cedidas para posibilitar as actuacións onde actualmente a entidade funeraria está ampliando os servizos coa construción dun tanatorio.
Juan Manuel Rey asegurou que se trata dun convenio "moi positivo" para Caldas e destacou que permitirá acometer unha actuación "moi demandada" e que incrementará "notablemente" as condicións de accesibilidade e seguridade viaria na zona.
As obras de ampliación da estrada se acometerán durante o 2021 por parte do Concello mentres que a construción da rotonda lle corresponde a Fomento ao tratarse dunha intervención que afecta a unha estrada nacional.
O acordo de cesión establece que Pompas Fúnebres San José cede a parte das parcelas necesarias para anchear o camiño que linda co terreo pola parte norte ata alcanzar un ancho de 6 metros dende o eixo da actual estrada cun total de 12.
A cesión será delimitada con precisión unha vez que se realice o desterre necesario para nivelar os terreos cedidos co camiño existente.