A Lama inicia accións legais contra un veciño que acumula lixo na rúa
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda, informou aos concelleiros asistentes ao Pleno da Corporación Municipal celebrado este martes dos pasos dados desde hai meses para lograr que un veciño de Covelo proceda á retirada de enseres domésticos e lixo depositado sen autorización na rúa.
O rexedor comunicoulle aos membros da Corporación que ante as reiteradas advertencias e a falla de resposta satisfactoria por parte do veciño o seu caso foi posto en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente e da Garda Civil para incoar a denuncia pertinente co fin de que se lle aplique as medidas coercitivas que determina a normativa para estes casos.
Asimismo o alcalde lembrou a obriga que teñen os propietarios de fincas de realizar labores de limpeza e control da maleza para previr calquera situación de perigo ante a posibilidade de que poda declararse un incendio. Ademais recordou a normativa esistente para eliminar a presenza de especies pirófitas na proximidade das casas e zonas habitadas.
Neste sentido, o alcalde informou que desde os servizos técnicos municipais se estaban a levar a cabo comunicacións e apercebimentos a propietarios que estaban a incumprir esta normativa co fin de que limpen con urxencia. Tamén lembrou que no caso de que estes traballos non se acometan polos infractores, a normativa determina que sexa a administración quen tome cartas no asunto pasándolle o custe e sanción ao interesado.
Por outra banda, o Pleno da Corporación Municipal da Lama aprobou por unanimidade dos concelleiros presentes a modificación da ordenanza reguladora das axudas para o fomento da natalidade e o empadroamento que contemplan a concesión de 1.000 euros (500 por ano e durante un máximo de dous) por recén nacido.
Nesta modificación amplíase o prazo de presentación de un a dous meses (outubro e novembro) e entre os requisitos esixirase que polo menos un dos proxenitores teña un mínimo de un ano de antigüidade no empadroamento no municipio da Lama.