Máis furtos que o resto do ano, pero menos que nas festas de 2012
Por Natalia Puga
Durante as semanas centrais das festas da Peregrina, Santiaguiño do Burgo e San Roque rexistrouse un repunte dos furtos de carteiras e móbiles en Pontevedra. As estatísticas policiais son máis elevadas que noutras épocas do ano, pero, malia todo, inferiores ás que se rexistraron nas mesmas datas de 2012.
Fontes da Comisaria da Policía Nacional confirmaron unha maior incidencia de furtos, centrados, especialmente, na zona da Praza de España, a Alameda e Raíña Victoria. Enmárcanos nas aglomeracións de xente que se deron neses puntos da cidade durante as xornadas de festas.
Os datos concretos das persoas que acudiron á Comisaría para denunciar que lles subtraeran a carteira ou o móbil non se facilitaron por normativa interna da Policía, pois son máis partidarias de facilitar estatísticas delituosas relativas a períodos máis longos de tempo.
De todos os xeitos, fontes policiais confirman que en ningún caso incrementaron con respecto ao ano pasado e que as cifras son moi inferiores ás doutras cidades durante as súas festas patronais ou de verán.