O Concello reclama de novo medidas urxentes na dotación de recursos sanitarios para Poio
Por Redacción
O Concello de Poio esixirá de novo á Consellería de Sanidade que tome as medidas necesarias para realizar melloras urxentes na dotación de recursos sanitarios no municipio. En concreto, a Administración local solicita máis investimentos e dotación de persoal, así como a resolución "de xeito inmediato" dos problemas denunciados por persoas usuarias no que á atención do servizo vía telefónica se refire.
Este foi un dos acordos acordados no Pleno ordinario deste martes, impulsado a raíz dunha moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG).
A súa voceira, a concelleira Marga Caldas, defendeu a necesidade de que a Xunta tome medidas, logo de que se estean a producir situacións nas que os veciños "se ven na obriga de realizar ata 30 chamadas ao día ao Centro de Saúde de Anafáns para poderen ser atendidos". En moitos casos, estas persoas optan finalmente por poñerse en contacto co 061 ou co CHUP para poder ser auxiliados.
A moción recolle que "xa que foi o propio Servizo Galego de Saúde o que escolleu a atención telefónica como fórmula prioritaria, o acceso á mesma debe estar garantido para todos os usuarios e usuarias. Entendemos que, cando se tomou esta decisión, xa tiña que estar prevista a necesidade de reforzar este recurso. Do contrario, estamos a falar dunha improvisación grave".
O Goberno local alerta da "situación crítica" do sistema sanitario en Poio, motivada tamén, entre outras cuestións, "por non acometer substitucións dos profesionais que se atopan de baixa ou de vacacións". As consecuencias son "a masificación das consultas, cupos desbordados, redución de profesionais e listas de agarda que, en moitos casos, superan os dez días", tal e como se recolle no documento aprobado no Pleno, a través do cal tamén se acorda volver a enviar á Consellería de Sanidade o acordo plenario de principios de ano, respaldado de xeito unánime por toda a Corporación, no que xa se recollen boa parte destas peticións.
RETIRADA DAS "COMISIÓNS ABUSIVAS" DE ABANCA
Por outra banda, o Concello tamén procedera a instar á Abanca á retirada das comisións que a entidade bancaria está a aplicar á súa clientela, logo de que tamén se aprobase por unanimidade unha moción presentada pola concelleira de Avante Poio, Silvia Díaz, na que advirte de que estes gastos rondan os 50 euros por libreta, aplicándose sobre contas correntes e non sobre produtos de financiamento de esperada rendabilidade, polo que "afectan ao pequeno aforrador e aforradora".
Díaz entende que esta práctica é "abusiva", máxime tendo en conta "a situación de vulnerabilidade na que se atopan moitas persoas afectadas, un contexto agravado pola crise da Covid-19 e tendo en conta que Abanca é o resultado da compra dun grupo de caixas de aforro galegas rescatadas con cartos públicos". A moción lembra, asemade, que "para colectivos como as persoas maiores resulta moi difícil o acceso ás novas tecnoloxías, o que dificulta o uso de ferramentas como a banca on line".
A moción incluíu unha emenda achegada polo PP e unha proposta, tamén de Silvia Díaz, de solicitar á Abanca un caixeiro automático para a parroquia de Raxó. O PP engade unha petición para manter abertas as tres oficinas que ten Abanca en Poio (Combarro, Campelo e San Salvador).
Relacionadas:
-
A Valedora do Pobo comprométese co BNG a investigar a situación sanitaria de Poio
Por Redacción |
-
A situación sanitaria de Poio volve ser escenario para a confrontación política
Por Oskar Viéitez |
-
Poio instalará unha carpa no exterior de Anafáns para a campaña de vacinación da gripe
Por Redacción |
-
O Concello de Poio asume a reparación de deficiencias en Anafáns pola inacción de Sanidade
Por Redacción |
-
Sanidade responde ao alcalde de Poio ante a polémica polos cambios de consultorio
Por Redacción |
-
Reclaman a Sanidade explicacións sobre os cambios de consultorio médico en Poio
Por Redacción |