Os traballadores de Celso Míguez esixen o pago dos salarios e un plan de viabilidade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Os traballadores de Almacenes Celso Míguez están secundando este xoves unha xornada de folga para esixir o cobro dos salarios que a empresa lles adebeda, así como un plan de viabilidade que garanta a continuidade da actividade. Con motivo da folga, o persoal tamén realizou unha manifestación polo centro urbano de Pontevedra ata a rúa Almirante Matos, onde a compañía ten a súa sede social.
Celso Míguez é unha firma adicada á comercialización de pinturas que ten centros de traballo por toda Galicia e conta cuns 90 empregados. Pero dende fai máis de un ano, os problemas no cobro dos salarios son frecuentes e nestes momentos a empresa débelles as tres últimas nóminas e as pagas extraordinarias de nadal e xullo, o que está a provocar serios problemas económicos ao persoal.
Cecilia Tarela, da CIG-Servizos de Pontevedra indicou que "os pagos estanse facendo de maneira habitual con até tres meses de atraso, pero sempre evitando pasar dese tempo para que o persoal non poida presentar demanda de extinción de contrato por impago", explica.
Este mesmo mércores, véspera da folga, a dirección reuniu ao persoal pero non achegar ningunha solución nin prazo para facer efectivo o pago dos soldos.
José Luis García Pedrosa, secretario de organización de Comisións Obreiras incidiu en que "a empresa acumula débedas pola mala xestión".
A finais de ano a representación social pediu unha auditoría e as contas da empresa e, segundo Celia Tarela, "o que nos atopamos foi cunha débeda de máis de 14 millóns de euros que inclúe débedas con Facenda e con provedores", advirte.
Ante esta "situación desastrosa", o comité demandou da dirección que presentaran un plan de viabilidade para garantir a continuidade da actividade e dos postos de traballo, "pero o que están facendo é desmantelar a empresa a anacos, vendendo locais ou pechando establecementos que estaban alugados (e que tamén acumulaban impago dos alugueiros)".
Sobre como se chegou a este punto, os representantes sindicais de CIG e Comisións Obreiras coinciden en sinalar á "nefasta" xestión empresarial "xa que traballo e vendas neste tempo non faltaron". De feito, engade Celia Tarela que "en pleno estado de alarma había clientela nas portas das tendas pero non materiais para lles vender". Explica que Celso Míguez é un almacén de pinturas que tiña exclusividade na comercialización de marcas de moito renome no sector pero que perderon pola mala xestión.
Á vista de que a empresa non ofrece ningunha garantía nos pagos nin presenta un plan de viabilidade, a representación social convocará os traballadores a unha asemblea para avaliar as próximas accións e medidas a desenvolver.