RADIO.- Vuelvo a Pontevedra: "Seguimos sendo un destino seguro para recibir turismo"
Por Redacción
Neste estraño verán de 2020, marcado pola COVID19, a concelleira de Promoción Económica e Turismo en Pontevedra, fai un primeiro balance do resultado do mes de xullo para o sector. "A pesar da tesitura, é obvio que hai movemento de turistas", sinala Yoya Blanco, "progresamos adecuadamente". Un dos exemplos da aseveración lévao á participación que desde o seu inicio están a rexistrar as visitas guiadas polo centro histórico da cidade.
Este turismo ata a data, responde ao visitante diana no que quere incidir a campaña #VuelvoAPontevedra: un turista de proximidade que escolle este destino para repetir ou visitalo por primeira vez. A concelleira socialista insiste que é un destino seguro, que responde os requisitos que esixe o momento actual.
Blanco fala tamén dunha das exitosas propostas que se estrearon este xullo, os roteiros de pádel surf polo Lérez, que na súa segunda convocatoria para o mes de agosto, volveron a esgotarse. E falando do novo mes estival que comeza "espérase que sexa máis forte, máxime tendo en conta que Pontevedra estará en festas, cun programa iso si, adaptado á situación". Ademais dos eventos festivos, tamén apunta os deportivos que se contemplan "que sempre traen turismo".
Para completar o programa de PontevedraViva Radio, varias recomendacións para visitar emprazamentos que ofrecen unhas estupendas vistas panorámicas da cidade de Pontevedra.