Interceptado un veleiro cunha importante cantidade de cocaína con destino ás Rías Baixas
Por Oskar Viéitez
Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria, Garda Civil e Policía Nacional en Galicia, no marco da operación conxunta 'Bateas', realizaron este xoves un amplo despregamento policial na área de Pontevedra coa realización de sete rexistros e a detención de sete persoas.
Os investigadores vinculáos a todos coa aprehensión, na mañá do mércores 29, do veleiro 'Nergha' de bandeira española, cargado cunha importante cantidade de cocaína, a un milleiro de millas ao oeste das Illas Canarias e ao sur dos Azores.
O veleiro, interceptado por funcionarios dos tres corpos a bordo do patrulleiro da Armada 'Bam Rayo', xunto cos cinco tripulantes detidos, viaxa escoltado a Canarias, onde está previsto que chegue na próxima semana para a súa revisión e confirmación da pesada da droga, que de acordo coas investigacións tería por destino previsto as costas galegas.
A abordaxe do veleiro xorde dunha investigación conxunta realizada pola Unidade Operativa de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria en Coruña, Greco e UDYCO Galicia de Policía Nacional, e ECO Galicia e EDOA Pontevedra da Garda Civil. A investigación atópase xudicializada no Xulgado Central de Instrución número 4 da Audiencia Nacional.
INVESTIGACIÓN PREVIA
Desde o mes de decembro de 2019, de forma conxunta, distintas unidades dos tres corpos viñan desenvolvendo unha investigación sobre as actividades ilícitas ás que se estaba dedicando unha organización criminal instalada na comarca do Salnés.
O desenvolvemento do proceso permitiu aos investigadores non só coñecer as intencións criminais dos compoñentes da organización, senón tamén identificar o medio de transporte que pretendían utilizar para facer chegar a España unha importante partida de cocaína.
Ao longo do segundo trimestre do ano, o traballo policial centrouse no control, tanto do medio de transporte (sometido a reparación e transformación en diferentes portos da provincia de Pontevedra), como das persoas que ían formar parte da tripulación, como tamén dos que, situados nun chanzo superior da pirámide na que está conformada a organización investigada, dirixían a estratexia cos provedores para cargar o estupefaciente.
DETENCIÓNS EN TERRA E MAR
O veleiro intervido, matriculado en Vigo, saíu do porto de Cobres, en Vilaboa, o 16 de xuño de 2020, e tras paradas en Cascais (Portugal) e Cádiz, puxo rumbo ao suroeste, ata alcanzar unha posición a unhas 600 millas ao oeste de Cabo Verde, coordenadas nas que recibiu o cargamento de droga, que partira dalgún punto por determinar da costa de Sudamérica. Desde esa posición, comezou a navegación cara ao norte, ata o punto no que foi finalmente aprehendido.
A bordo do veleiro procedeuse á detención dos catro tripulantes que saíron en xuño da provincia de Pontevedra (dous españois, un portugués e un brasileiro), máis un quinto tripulante, tamén español, do que se descoñece o medio utilizado para chegar ao veleiro.
De forma paralela, e froito da investigación desenvolvida en terra, o xoves despregouse un importante operativo na provincia de Pontevedra, efectuándose sete detencións e sete entradas e rexistros, nos que se interviñeron entre outros efectos, diversa documentación vinculada co estupefaciente que a organización quería facer chegar a España.
PRÓXIMA CHEGADA DO VELEIRO ÁS PALMAS
O veleiro, acompañado do 'Bam Rayo' da Armada, diríxese ao porto das Palmas, onde está prevista a entrada a próxima semana para o rexistro da embarcación e pesada da droga.
O veleiro aprehendido chamou a atención dos investigadores de Galicia cando, o pasado mes de decembro de 2019, tras unha navegación errática preto das costas galegas, tivo que solicitar apoio de Salvamento Marítimo para chegar a porto.
Confírmase así a reactivación da vía marítima como unha das usadas para o intento de introdución de cocaína en Europa, como puxeron de manifesto varias operacións policiais nos últimos meses.