A Deputación lanza unha nova campaña contra as agresións sexuais
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres a campaña de prevención das agresións sexuais "Lembra: eu decido, ti respectas", que dá continuidade á iniciada en 2017 baixo o lema "Conta comigo, eu respéctote".
Segundo explicou en rolda de prensa o obxectivo desta iniciativa é previr e actuar contra as agresións sexuais categorizadas como violacións en cita e as agresións por submisión química. Trátase dunha campaña informativa entre a mocidade para sensibilizar, concienciar e informar sobre a violencia sexual que padecen as mulleres.
Carmela Silva detallou que se persegue con esta acción poñer o foco no consentimento trasladándolle "tres ideas indispensables" á xente nova: que "o silencio non é un si", que se a outra persoa está bébeda ou inconsciente, non hai consentimento, e a terceira idea é que a outra persoa ten dereito a parar en calquera momento.
A mensaxe da campaña insiste tamén na necesidade de focalizar a culpabilidade no agresor, nunca na vítima.
A campaña desenvólvese nos Rías Baixas Fest e nas festas de interese turístico da provincia. Con motivo das restricións da COVID-19 esta edición 2020 será totalmente dixital.
A repartición de merchandising substitúese por dúas pezas audiovisuais, con testemuños de traballadores de cada un dos festivais, artistas e representantes institucionais, incluída a presidenta da Deputación, que trasladan a información da campaña, así como o seu compromiso fronte ás agresións sexuais.
A Deputación tamén dispuxo de guías coa súa respectiva mensaxe diferenciada, unha dirixida ás mozas e outra aos mozos. A campaña está aberta á participación de todas aquelas persoas que desexen implicarse subindo os seus vídeos ás redes sociais, para así potenciar o impacto e favorecer o seu efecto multiplicador e aumentar o seu alcance.