Amplo despregamento para conseguir localizar a un home que se perdeu no monte do Salgueiral
Por Redacción
Un amplo dispositivo de procura despregábase esta pasada noite do xoves, sobre as 22.30 horas, para localizar a un home que desaparecera no monte do Salgueiral. Varias patrullas do Corpo Nacional de Policía, da Policía Local de Pontevedra, do Corpo de Bombeiros de Pontevedra - dotados de equipos de cámara térmica -, unha dotación do 061 e ao redor de trinta veciños da zona participaron no operativo.
A persoa desaparecida era un home de 62 anos, veciño de Santander, que actualmente convivía cun irmán residente en Vilarchán, Ponte Caldelas. Segundo os datos que se lles facilitaron, o último contacto foi a través dunha chamada telefónica a un familiar, alertando que estada perdido no monte, que non sabía regresar e que tiña dificultades para camiñar.
A zona de procura é un espazo forestal de vexetación densa, que presentaba dificultades de acceso, carece de cobertura telefónica e de radiotelecomunicación. Nesta situación coordináronse equipos de policías acompañados de veciños para realizar os rastreos por diferentes zonas. En pouco tempo, algo máis dunha hora, o operativo despregado conseguía o seu obxectivo.
Un dos equipos localizaba a un home nun campo próximo ao río Almofrei. Atopábase en bo estado de saúde, aínda que presentaba dificultades para moverse, debido ao parecer a que non tomara a correspondente medicación para a diabetes. Un dos axentes deste equipo desprazouse ata un punto onde había cobertura para avisar da localización ao resto do dispositivo de procura.
Así, a dotación de Bombeiros e do 061 chegaron ata o lugar en que foi localizado o home para proceder ao seu traslado en padiola ata dependencias sanitarias. A rápida intervención das forzas de seguridade e a inestimable colaboración dos veciños foron fundamentais para este satisfactorio desenlace nunha zona de difícil acceso.