O PP pide á Deputación que exprese o seu rexeitamento a que o Goberno central se apropie dos aforros dos concellos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, reclamou este venres no pleno que a Deputación de Pontevedra exprese publicamente o seu rexeitamento a que o Goberno central incaute os aforros dos concellos e das deputacións provinciais.
Cubela lamentou que unha das medidas que valora o Ministerio de Facenda sexa "incautar pola vía de préstamo os remanentes das entidades locais, acumulados durante os últimos anos, medida que vai en contra da autonomía municipal consagrada na Constitución".
O voceiro popular califica de "inxustiza de gran calado" que o Goberno do Estado pretenda "que os concellos e gobernos provinciais prestémoslle a totalidade dos aforros acumulados durante os últimos 8 anos".
Cubela rematou lembrando que "ata hai dous días os concellos ao unísono pedíamos poder utilizar o 100% deses recursos que nos son propios sen ningún tipo de tutela; esta proposta tería que ser un insulto para todo o municipalismo, polo menos para nós si o é".
NOVO PLENO DE CONSENSOS
A intervención de Cubela, no apartado de rogos e preguntas, puxo fin a unha sesión plenaria na que por terceiro mes consecutivo, os grupos políticos da Deputación de Pontevedra revalidaron a vocación de consenso, comprometida tras a crise sanitaria da Covid19, e aprobaron por práctica unanimidade todos os puntos da orde do día.
De feito, o Partido Popular só abstívose na aprobación da conta xeral de 2019, que volve a confirmar a solvencia económica da institución.
Estes datos económicos, que volven a situar á Deputación de Pontevedra entre as administracións mellor pagadoras do estado, foi un dos asuntos tratados no encontro mensual goberno-oposición, celebrado previamente ao pleno entre os portavoces dos tres grupos políticos, Carlos Font, César Mosquera e Jorge Cubela.
Na reunión, déronse a coñecer os detalles da renovación do convenio para a recollida de vehículos abandonados nos concellos da provincia, dentro da política medioambiental da institución; os protocolos de uso das novas salas que se estrearán en setembro na Deputación: a de lactación e o novo comedor; así como o novo Plan de Dinamización dos Viveiros de Empresas de Barro e Lalín.