As federacións de ANPAS emprazan á Xunta a dialogar con urxencia para manter os comedores escolares
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Centros Públicos da Provincia de Pontevedra, FANPA PONTEVEDRA, e a Federación Olivica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e Comarca, FOANPAS emprazan á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional "a dialogar con urxencia" co obxectivo de manter o seu compromiso de xestionar e organizar os comedores escolares, as aulas de madrugadores e as actividades extraescolares.
Desde a Consellería comunicaron que a vindeira semana reuniranse cos representantes destas federacións para abordar o asunto.
Nunha comparecencia de prensa, Rogelio Carballo e Miguel Álvarez, presidentes de Fanpa e Foempa, respectivamente, lembraron que as súas organizacións xestionan mais de 3.500 usuarios de comedores escolares na provincia de Pontevedra.
Do mesmo xeito, advertiron que no caso de non ter resposta e manterse as condicións establecidas no Protocolo proposto pola Xunta "o compromiso de xestión por parte das nosas organizacións considerarase inasumible para vindeiro curso escolar 2020-21 e procederemos a suspender os servizos".
Ambas organizacións comprometéronse a tomar "todas as medidas administrativas e xudiciais en defensa das familias e os seus dereitos á educación, saúde, traballo e conciliación", reclamando diante das instancias correspondentes "as responsabilidades persoais e materiais que fosen esixibles".
Nun escrito dirixido á Consellería estas Federacións de ANPAS insisten en que a proposta de Protocolo de adaptación ao contexto da COVID 19 nos centros de ensino non universitarios de Galicia para o curso 2020-21 "son completamente inasumibles" por as asociacións sen ánimo de lucro que representan.
En primeiro lugar "pola redución de prazas que comporta, de tal magnitude, que afecta gravemente á universalidade do servizo", subliñou Rogelio Carballo. Ao mesmo tempo, unha redución de usuarios tan importante supón un "incremento significativo do custo", consecuencia do reparto do coste de explotación entre menos comensais, agravado polas medidas de protección necesarias para asegurar a salubridade do servicio.
Miguel Álvarez destacou que "a magnitude deste incremento faino inasumible" pola maioría dos usuarios que quedaran despois da redución de aforo disposto polo Protocolo.
Tanto a Fanpa como Foanpas din estar dispostas a continuar coas actividades de comedor, aulas de madrugadores e actividades extraescolares "sempre que se garantan as condicións de seguridade sanitaria, atención á totalidade dos usuarios, custo económico asumible polas familias, e non agravar a xa Iimitada capacidade de xestión das nosas organizacións".
Afirman que a atención á totalidade dos usuarios mantendo as condicións sinaladas no Protocolo COVID19 da Consellería de Sanidade implica a utilización de máis espazos adicados a comedor e aulas de madrugadores, ben sexa de xeito provisional ou permanente, ou ben un aumento no número de horas do servizo.
Pero iso conleva un aumento significativo de monitores e coidadores ademais da desinfección pertinente do espazo de comedor, incluidos os recursos para á atención á diversidade (NEAE) cos conseguintes custos económicos derivados do incremento de persoal e dos materiais necesarios para garantir a salubridade dos servizos (Iimpeza, material sanitario, procesamentos culinarios, hidroxeles, etc) que "teñen que ser asumidos de xeito extraordinario pola Consellería de Educación mentres a aplicación do protocolo esté en vigor".
Neste senso, piden o compromiso por parte da consellería para "manter o custo actual dos servizos para as familias e atender á totalidade da comunidade educativa". E ao mesmo xeito, engaden a petición de "facilitar a xestión por parte das organizacións tendo en conta o carácter voluntario e non retribuido dos seus responsables".
Rogelio Carballo urxe ao departamento que dirixe a conselleira Carmen Pomar a dialogar con urgencia xa que o vindeiro 10 de agosto debería comezar o prazo de matrícula para os comedores en Pontevedra.
Relacionadas:
-
A FANPA avisa que o tempo para negociar "estase esgotando" e mantén a suspensión dos comedores escolares
Por Diego Espiño |
-
A Residencia de Estudantes de Afundación comezará o curso coas prazas cubertas e seguindo o protocolo sanitario
Por Redacción |
-
Tino Fernández insta a Feijóo a buscar "xa" un acordo co Concello para a limpeza dos colexios
Por Redacción |
-
Rogelio Carballo, presidente da Fanpa Pontevedra, aclara que a apertura de matrículas dos comedores escolares só é estimativa
Por Anxo Lourido |
-
A Fanpa abrirá o 10 de agosto o prazo para a inscrición nos comedores escolares
Por Redacción |
-
Pontevedra non quere ser a "pagafantas" e esixe á Xunta que asuma o custo das limpezas pola covid nos colexios
Por Oskar Viéitez |
-
Feijóo lamenta as "ameazas" da Fanpa e recoméndalles un "baño de realismo" ante a Covid-19
Por Alejandro Espiño |
-
A Fanpa deixará de xestionar os comedores escolares e o Plan Madruga pola imposibilidade de cumprir o protocolo da Xunta
Por Oskar Viéitez |