Pontevedra "non se pode permitir", segundo o PP, a imaxe de ratas pola cidade
Por Redacción
A aparición de ratas no barrio de Campolongo levou ao Partido Popular a alertar sobre a proliferación destes roedores por espazos públicos da cidade, unha imaxe que Pontevedra, segundo os populares, "non se pode permitir".
O portavoz do PP, Rafa Domínguez, denunciou que esta situación demostra o "descoido" que está a experimentar o servizo de limpeza e recollida de lixo en Pontevedra, sobre todo ante o impulso do sistema de compostaxe,
"Estamos preocupados pola proximidade das ratas ao colexio de Campolongo", sinala Domínguez, que lembra que estes animais son transmisores de diferentes enfermidades "o que agrava a situación.
Ante o "alarmante deixamento" que aprecia no goberno municipal, o líder do PP pontevedrés lamentou que haxa contedores "rebosantes" no centro histórico e aumente o número de ratas mentres que o Concello "só está preocupado en poñer composteiros".
"Necesitamos unha Pontevedra máis limpa, cun plan de desratización de choque e cunha recollida de lixo á altura do que merece esta cidade", asegura Domínguez, que subliña que Pontevedra "segue á cola" en canto á reciclaxe de papel ou envases.