Cerdedo-Cotobade denuncia os "reiterados incumprimentos" na recollida de lixo
Por Redacción
Tras os problemas que Urbaser tivo recentemente na Lama, agora é o Concello de Cerdedo-Cotobade o que denuncia á empresa ante os "reiterados incumprimentos" na recollida do papel e do cartón e na xestión do punto limpo do municipio.
Os problemas, segundo o goberno municipal, comezaron hai dous anos e estanse agravando cos iglús azuis cheos e cunha recollida ineficaz que deixa contedores sen baleirar.
Cando a empresa realiza este servizo a través das rutas faino de xeito incompleto e deixa sempre contedores sen baleirar, chegando nalgún caso a dous meses sen a preceptiva retirada destes residuos, censura o Concello.
Ademais, o Concello tamén detectou que, na súa actuación, rompéronse contedores -postos pola propia empresa- desta recollida selectiva e tampouco procedeu á súa reposición nin reparación, tal e como se recolle no prego de concesión.
Pola súa banda, o punto limpo non pode atender axeitadamente aos veciños xa que os restos de madeira e plásticos duros desbordan os contedores e non se fai a súa retirada.
A firma nin sequera atende nin responde ás comunicacións e solicitudes que se lle están a cursar dende o Concello "o que nos xera unha absoluta impotencia porque non sabemos a que aternos e tampouco nos permite prestar o servizo de calidade que queremos para a veciñanza", detallaron dende o goberno local.
Ante esta situación, dende o Concello advertiron de que a situación comeza a ser "preocupante", polo que agardan que a empresa mude de inmediato a súa actitude e comece a prestar o servizo acorde co recollido no contrato.
De persistir estes feitos, o goberno municipal baralla a posibilidade de acometer outro tipo de accións administrativas e incluso legais malia que só resta un ano de concesión.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade investirá 486.000 euros na creación do Centro Cultural e Turístico Antonio Fraguas en Carballedo
Por Redacción |
-
Urbaser retira os residuos que desbordaban o punto limpo da Lama
Por Redacción |
-
Ultimato da Lama a Urbaser para que actúe ante o "desborde" do punto limpo
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade estuda abrir un expediente sancionador á empresa de recollida de cartón
Por Redacción |