Estafan máis de 50.000 euros a unha muller de Poio cun falso premio de lotaría
Por Redacción
Axentes da Policía Local de Poio investigan a estafa que sufriu una muller, veciña de San Xoán de Poio, que perdeu 12.000 euros en efectivo e xoias cun valor que, segundo as estimacións iniciais, superan os 40.000 euros.
Os feitos tiveron lugar esta mesma semana. A vítima atopábase na rúa cando foi interceptada por unha muller, duns 35 anos, que lle explicou que contaba cuns boletos de lotaría premiados e que precisaba saber onde había unha administración para poder cobrar o suposto premio.
Nese intre entrou en escena o segundo estafador, que, simulando sumarse á conversa de xeito casual, afirmou que coñecía a un vendedor de lotaría, ante o que a descoñecida afirmou que estaría disposta a compartir a contía con el e coa vítima do engano, sempre e cando achegasen cada un 15.000 euros para, presuntamente, doar ao arranxo do campanario dunha igrexa.
Segundo os investigadores, apareceu no lugar unha terceira persoa, conducindo un turismo de cor granate, no que os estafadores trasladaron á veciña de Poio a tres sucursais bancarias, dúas en Pontevedra e outra no propio municipio, nas que a vítima efectuou varias retiradas de cartos, por valor de máis de 12.000 euros.
Ademais, tamén a convenceron para que lles fixese entrega doutros 700 euros en metálico dos que dispuña na súa vivenda e xoias por valor de 40.000 euros antes de iniciar o traxecto.
O golpe final da estafa chegou cando, xa retornando a San Xoán, entregáronlle unhas moedas á muller para que mercase unha bebida nun establecemento hostaleiro, ante unha suposta indisposición dun dos seus acompañantes. Unha vez que a veciña abandonou o vehículo, os descoñecidos déronse á fuga.
O modus operandi empregado por estes individuos fai sospeitar á Policía Local de que se tratan de profesionais da estafa, polo que o corpo de seguridade fai un chamamento á cidadanía, facendo especial fincapé nas persoas maiores, para que non acepten este tipo de propostas por parte de descoñecidos.