O Concello arquiva indefinidamente o estudo da valoración do cadro de persoal e da relación de postos de traballo
Por Redacción
A concelleira de Persoal, Carme Fouces, deu conta na mesa xeral de negociación do pasado 29 de xullo do arquivo do estudo de valoración do cadro de persoas e da relación de postos de traballo (RPT). Esta decisión, segundo explicou, está baseada na aparición da Covid-19 que "obrigou a cambiar de súpeto a orde de prioridades e a reformular as axendas en todas partes, no Concello de Pontevedra tamén".
Na relación de motivos que trasladou a concelleira de Persoal para tomar esta decisión a concelleira citou á incerteza. Segundo dixo, "a pandemia asolagounos nunha incerteza social, incerteza sanitaria e incerteza orzamentaria. A día de hoxe non sabemos como será a financiación dos concellos nin temos datos da baixada da recadación dos impostos, polo tanto orzamentariamente, non sabemos ao que nos enfrontamos".
Outro dos motivos que levaron a tomar esta decisión e que "priorizouse a adaptación dos postos de traballo para garantir, na medida do posible, a seguridade sanitaria dos traballadores e traballadoras". Sinalou Fouces que as obras e as inversións que estaban previstas para executar en catro anos, ou incluso en máis, houbo que facelas en catro meses, sabendo ademáis, que aínda quedan varias dependencias por mellorar e que deberán ir nunha segunda quenda.
Ademáis xustificou que "hai unha enorme mobilización de recursos que non estaba prevista e que pasou a ser proritaria" como as axudas ás empresas e ás familias, "que probablemente non queden só neste ano senón que han manterse no sucesivo e non sabemos por canto tempo".
Por último, a concelleira de Persoal asegurou que "esta pandemia provocou que o estudo da RPT quedara obsoleto", tendo en conta a importancia que adquiriu o teletraballo e a administración electrónica nestes seis meses. Trátase dunha novidade que o estudo non recollía e que agora parece imprescindible para sacar adiante o traballo.
Carme Fouces lembrou na xuntanza da mesa xeral de negociación que "o obxectivo deste goberno era aprobar a nova RPT no primeiro semestre do 2020, procurando un apoio maioritario e recollendo algunhas das enmendas propostas polos sindicatos, nun ambiente de negociación máis construtivo froito do esforzo de todos os compoñente da mesa. Niso estábamos ata marzo, retocando o documento e redactado os informes que faltaban, pero a situación virou totalmente coa pandemia".
Ante esta situación, a concelleira trasladou que "o máis sensato é arquivar o documento e, a partir de agora, traballaremos tendo como base a RPT que hai, facendo modificacións puntuais e dando cumprida conta das sentenzas que temos pendentes de executar".
Relacionadas:
-
Pitos á entrada da mesa de persoal do Concello, que se suspende por falta de quórum
Por María José Pita & Mónica Patxot |
-
Fouces critica que o PP pida "neste momento" unha subida salarial para os funcionarios
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os sindicatos critican o arquivo estudo da valoración do persoal e relación de postos de traballo do Concello
Por Redacción |