Cuntis investiu este ano 105.000 euros en programas educativos e axudas ao estudo
Por Redacción
O Concello de Cuntis realizou neste exercicio un investimento total destinado a educación que ascende a 105.000 euros. Esta importante cantidade divídese entre as axudas ao estudo (3.000 euros), o servizo Cuntilín (59.586 euros) e os programas de formación para adultos (42.213 euros), tres programas fundamentais para o Goberno municipal deseñados para cubrir as necesidades en materia educativa, formativa e de conciliación de unha gran cantidade de familias do municipio.
Como sinalou o alcalde, Manuel Campos, "trátase dun esforzo económico asignado a esta materia moi superior ao que realizan para estes fins a maioría de concellos da categoría de Cuntis, o que demostra novamente o compromiso firme do Goberno en educación e políticas sociais".
Precisamente, o Concello vén de abrir o prazo para solicitar as axudas municipais de apoio ao estudo para o curso 2020/2021 con destino a familias en situación de dificultade económica.
O Concello asigna a esta iniciativa un total de 3.000 euros, unha cantidade que se mantén con respecto a anos anteriores e que, segundo a demanda obtida en cursos pasados cando non se chegou a cubrir o orzamento asignado, é suficiente para dar cobertura ás necesidades das familias que máis o precisan en función dos correspondentes criterios económicos e sociais.
Así mesmo, o Goberno municipal traballa para reactivar a partires de setembro o programa de conciliación Cuntilín que se financia nun 83% por fondos municipais.
No relativo ás axudas de apoio ao estudo, poderán beneficiarse das bolsas todas as familias empadroadas en Cuntis que teñan menores ao seu cargo matriculados no vindeiro curso escolar na segunda etapa de educación infantil.
Para a concesión das prestacións teranse en conta criterios estritos de carácter económico e social. A axuda consiste nunha achega económica de pago único destinada a afrontar os gastos derivados da adquisición de libros e material escolar cunha contía de 120 euros por menor. As axudas abonaranse en función do gasto realmente realizado e xustificado e son compatibles con outras prestacións destinadas á mesma finalidade.
O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 21 de setembro. Para máis información as persoas interesadas poden poñerse e contacto co departamento de servizos sociais no 986 18 54 68.
Doutra banda, o Concello de Cuntis traballa para abrir proximamente o prazo de inscrición para o programa Cuntilín 2020/2021 que prevé reactivarse a partires de setembro, aínda que a situación de incertidume xerada pola actual situación sanitaria a causa da Covid-19 pode provocar cambios.
"En todo caso", como explicou o alcalde, "este programa de conciliación que se ofrece de maneira totalmente gratuíta é para o Goberno local irrenunciable e a pesar do difícil escenario no que nos atopamos continuaremos traballando para recuperar un servizo fundamental para decenas de familias de Cuntis que é un reflexo claro da aposta do Concello polas políticas sociais". No último ano o Concello asumiu o 83,2% do orzamento destinado a este programa mentres o 16,8% se financia pola Xunta de Galicia a través do Fondo Social Europeo.
Relacionadas:
-
Cuntis convoca axudas de 120 euros para mercar material escolar para nenos entre os 3 e os 5 anos
Por Redacción |
-
Cuntis abre o prazo para participar no programa municipal de conciliación "Cuntilín"
Por Redacción |
-
Zafarrancho de limpeza e acondicionamento nas zonas arqueolóxicas de Cuntis
Por Redacción |
-
Nace Mercacuntis, a plataforma web para realizar compras no comercio local
Por Redacción |
-
Cuntis proporciona axudas municipais de emerxencia social a 40 familias
Por Redacción |
-
Deberes a domicilio para os maiores de Cuntis: "Creme se che digo que as fichas para cubrir me deron a vida"
Por María José Pita |