Vilaboa pide a reapertura de atención primaria no consultorio de Santa Cristina de Cobres
Por Oskar Viéitez
O Concello de Vilaboa insta á Xunta de Galicia a paliar a carencia de recursos materiais e de persoal da área sanitaria, "actualmente moi insuficientes, dadas as características de idade da nosa poboación".
Así o acordou este venres no Pleno municipal ao aprobar unha moción presentada polo BNG e que contou cos votos a favor dos nacionalistas e do Psoe e a abstención do PP.
A corporación acordou tamén que o Concello de Vilaboa inste á Xunta á reapertura inmediata do servizo de atención primaria no consultorio de Santa Cristina de Cobres e a dotalo de persoal propio.
Ademais o Concello demanda do Goberno galego a "adecuación dos orzamentos da Consellaría de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde ás necesidades reais do nosos Centros de Saúde e dotalos do persoal necesario para garantir una atención accesíbel e de calidade, durante todo o ano, e no que se contemple cubrir as baixas e vacacións, fundamentalmente dun servizo como o de Pediatría".
Asi mesmo piden ao Goberno galego o "cese da política de desmantelamento nos servizos sanitarios da nosa área" e que poña fin á política de persoal dos servizos de saúde "baseada na precariedade e na explotación laboral".