Concentración diante da Delegación da Xunta en Campolongo dos técnicos de prevención de incendios
Por Oskar Viéitez
Persoal técnico do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPIF) de Medio Rural realizou unha concentración este sábado diante da Delegación territorial da Xunta en Campolongo para demandar a negociación dun novo acordo de condicións laborais que actualice o asinado en 2008. A protesta enmárcase no calendario de accións que o colectivo ten convocado con motivo da folga indefinida que se iniciou este mesmo sábado 1 de agosto.
A folga, que ten unha duración indefinida, afecta a todo o persoal técnico de incendios forestais da consellería do Medio Rural (grupos A1 e A2 escalas enxeñeiros técnicos forestais e enxeñeiros de montes), e convócase " en resposta ao inmobilismo da Consellaría para avanzar na negociación dun novo acordo que regule as condicións laborais do colectivo", sinalan os representantes da CIG.
Os representantes das organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT denunciaron "a irresponsable actitude de Medio Rural que non foi quen de remitir proposta escrita de novo acordo das condicións laborais do persoal técnico de incendios forestais nin de molestarse en convocar unha mesa de negociación". E acusaron a Xunta de ser, coa súa pasividade, "a culpable do inicio da folga en pleno mes de agosto".
O persoal técnico da SPIF (integrado por uns cen efectivos) é o encargado das tarefas de coordinación e dirección dos medios para a extinción e tamén se encarga da xestión forestal.
Coordinan o 40% dos medios de extinción de incendios forestais do estado, a metade das cortas que se fan en todo o territorio estatal e xestionan de maneira directa o 15% do territorio galego en contratos de xestón pública, que supoñen arredor de 60 mil hectáreas de certificación forestal.
O que piden é "unha coordinación máis eficaz e eficiente para ter unha xestión adaptada á nova realidade e un servizo de extinción profesional e moderno" para compensar unha parte do "enorme exceso de horas" ocasionado polo período extraordinario de gardas regulado no pacto de 2008.
Demandan un incremento do cadro de persoal "para garantir os descansos legais establecidos sen afectar negativamente aos servizos públicos de prevención e extinción de incendios forestais e de planificación e ordenación forestal". Así mesmo, regular unha redución do horario anual -que supera ás 2.000 horas-, o traballo en fins de semana, festivos, gardas e descansos compensatorios e garantir 15 de vacacións no verán.
Xunto a isto, demándase unha distribución da carga de traballo e unha maior organización entre a xestión dos montes, a prevención e loita contra incendios forestais e a xestión do persoal adscrito aos distritos forestais para maximizar a eficacia do servizo. Dende o colectivo tamén se reclama eliminar a dispoñibilidade absoluta á que están sometidas e sometidos os xefes de distrito e establecer un segundo xefe de garda por distrito forestal; así como establecer a segunda actividade e coeficiente redutor para a xubilación anticipada.
En Pontevedra volverán o mobilizarse os vindeiros días 5, 13, 21 de agosto.