Arde unha parcela próxima a vivendas en Vilalonga
Por Oskar Viéitez
O servizo municipal de Emerxencias Sanxenxo tivo que empregarse a fondo este domingo para sufocar un incendio forestal que se declarou na parroquia de Vilalonga.
Concretamente as lapas afectaron a unha parcela pendente de urbanización lindeira coa parroquia de Dena, no municipio de Meaño.
Xunto aos efectivos de Emerxencias de Sanxenxo actuaron as brigadas forestais da Xunta cunha motobomba e un helicóptero, e unha dotación dos bombeiros do Salnés con base en Ribadumia.
A superficie calcinada foi duns 500 metros cadrados de matogueira pero durante todo o suceso o que realmente preocupaba era a proximidade da parcela a unhas vivendas e á estrada.
O incendio deuse por extinguido sobre as 14.45 horas. Non houbo que lamentar máis danos na zona.