O anticiclón volverá instalarse este martes sobre as Rías Baixas con temperaturas de ata 30 graos
Por Redacción
O anticiclón dos Azores segue influíndo sobre Galicia, aínda que este luns 3 de agosto tamén entrou unha fronte moi pouca activo polo litoral. Segundo a previsión do servizo de Meteogalicia, os ceos permanecerán parcialmente cubertos en toda a franxa costeira con choiva débil e ocasional. No interior, a xornada será seca e con intervalos de nubes de tipo alto. As temperaturas situaranse entre os 15 e os 26 graos, de forma que se producen lixeiros descensos na franxa atlántica. O vento comezaba a xornada soprando frouxo de compoñente sur e ao longo do día irá cambiando a compoñente norte.
A temperatura da auga nas praias das Rías Baixas roldará os 16-17 graos. Durante este luns os índices de radiación ultravioleta manteranse baixos.
O martes 4 reforzarase a influencia anticiclónica sobre Galicia con entrada de aire algo máis cálido, que conleva subida de temperaturas ata os 30 graos. O vento soprará frouxo de compoñente norte, máis intenso ao longo da tarde en toda a zona das Rías Baixas.
Durante o mércores, a provincia de Pontevedra continuará baixo a influencia das altas presións. Os ceos permanecerán pouco nubrados ou despexados en xeral, con algunhas brumas costeiras. As temperaturas estableceranse entre os 18 e os 28 graos, con vento que soprará frouxo de compoñente norte.
As choivas seguirán sen aparecer ao longo de toda a semana. Este tempo seco en xeral permanecerá tamén durante a fin de semana deixando temperaturas que se situarán entre os 15 e os 30 graos.