Reflexión e debate en redes sociais para fomentar a igualdade en Moraña
Por Redacción
'Xove' é o nome do novo programa para fomentar a igualdade e a concienciación da equidade social que puxo en marcha o Concello de Moraña coa intención de achegarse a preto de 350 adolescentes que residen no municipio para que reflexionen sobre estas ideas.
Este programa adaptouse á situación sanitaria e, por este motivo, vai executarse de maneira telemática en formato dixital a través das redes sociais. As principais accións realízanse a través do novo perfil do Concello de Moraña na rede social Instagram. Aquelas persoas interesadas poden seguir as novidades a través do perfil @concellodemorana.
A Secretaría de Estado de Igualdade no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero financia esta iniciativa, que se desenvolverá ao longo de todo o verán con diversas temáticas nas que se busca que os adolescentes poidan debater sobre estas cuestións a través da música, a arte, a amizade e a comunicación.
Ademais do formato dixital, desde o luns 17 de agosto celebrarase de forma presencial unha 'Semana Moraña Igualdade Xove' na que se realizarán encontros con grupos de adolescentes para activar un programa de investigación destinado á configuración dun espazo de reflexión para a mocidade do municipio.