Tres novos positivos por coronavirus elevan a 28 os casos activos na área sanitaria, a maioria importados
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés volveu rexistrar un incremento dos casos activos de coronavirus. Nas últimas 24 horas contabilizáronse tres positivos máis que elevan a 28 o total de pacientes coa enfermidade.
A directora asistencial da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Sonia Fernández- Arruty, explicou que "a maioría son casos que son importados doutras comunidades autónomas e doutros países" e, como consello, insistiu en que "temos que ser moi disciplinados no uso da máscara, na hixiene de mans e manter a distancia social".
"Temos que evitar, na medida en que sexas posible, as aglomeracións de xente", insistiu e lembrou que todas as persoas que veñan de fóra teñen que facer o rexistro de viaxeiros. O cuestionario teno dispoñible na páxina do Sergas e continúa activo o teléfono que a Xunta puxo ao dispor dos viaxeiros, o 881002021.
Segundo o último balance do Servizo Galego de Saúde, este luns 3 de agosto hai un paciente con Covid-19 hospitalizado en planta do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. O domingo e a primeira hora da mañá deste luns falouse de dous pacientes hospitalizados, pero posteriormente matizouse que esa segunda persoa que se computaba como hospitalizada en Montecelo "é un paciente ingresado por outra patoloxía, non por Covid-19".
Sonia Fernández-Arruty explicou que o outro paciente leva varios días ingresado e "está evolucionando favorablemente.Non hai ningún hospitalizado no Hospital do Salnés nin en QuirónSalud Miguel Domínguez e tampouco na área de coidados críticos.
Os outros 27 casos activos están evolucionando en domicilio, tres máis que este domingo 2 de agosto.
Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 919 pacientes, ningún na última xornada, e faleceron por este virus na área sanitaria 16 pacientes.
A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 359. Deles 143 son da área da Coruña, 71 da de Lugo, 26 da de Ourense, 28 da de Pontevedra, 64 da área de Vigo, 24 da de Santiago, e 3 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, un está en UCI, 15 en unidades de hospitalización e 343 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 11.307 persoas curadas e rexistráronse 619 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 254.374 e a comunidade contabiliza dous caso activos en centros residenciais de servizos sociais de Galicia. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.