A Asociación Camiño Universal a Santiago de Compostela inicia en Poio a Vía de Asia
Por Redacción
Os integrantes do colectivo Camiño Universal a Santiago de Compostela iniciaban, como xa é tradición desde hai unha década, a Vía de Asia desde o municipio de Poio. A comitiva partía este luns 3 de agosto do Concello pontevedrés para atravesar diferentes puntos da provincia ata chegar á capital galega. O alcalde de Poio, Luciano Sobral, recibía ao colectivo formado, este ano, por unha ducia de persoas, na contorna do pavillón polideportivo da Seca.
Este grupo ten membros de Barcelona, Mallorca ou Santander, entre outras localidades. A asociación caracterízase por realizar o percorrido portando rosas brancas, como símbolo de paz. Na súa primeira etapa, tras pasar a noite nas instalacións do IES da Seca, realizan o tramo ata o Concello de Meis.
A Vía de Asia iníciase en Combarro e percorre, entre outros puntos, Meis, Caldas de Reis ou Valga. Os participantes entregaron a Luciano Sobral un obsequio en agradecemento á hospitalidade que se lles brinda desde o Concello de Poio.
Os representantes da Asociación adaptáronse para esta viaxe ás esixencias en materia sanitaria, co uso de máscaras, distanciamento e medidas de hixiene para evitar contaxios.