Un novo positivo por coronavirus na área sanitaria, que mantén un paciente hospitalizado
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten este martes un caso activo máis de coronavirus. Segundo o último balance do Servizo Galego de Saúde, contabilízanse 29 pacientes que deron positivo na enfermidade fronte aos 28 deste luns.
Hai un paciente con Covid-19 hospitalizado en planta do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e ningún en en o Hospital do Salnés nin en QuirónSalud Miguel Domínguez e tampouco na área de coidados críticos.
Os outros 28 casos activos están a evolucionar en domicilio.
Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 919 pacientes, ningún na última xornada, e faleceron por este virus na área sanitaria 16 pacientes.
A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 375, 16 máis que os 359 do luns. Deles, 150 son da área da Coruña, 71 da de Lugo, 28 da de Ourense, 29 da de Pontevedra, 67 da área de Vigo, 26 da de Santiago, e 4 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 2 está en UCI, 15 en unidades de hospitalización e 358 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.318 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 255.305 e a comunidade contabiliza dous caso activos en centros residenciais de servizos sociais de Galicia. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
Esta semana, a directora asistencial da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Sonia Fernández- Arruty, explicou que "a maioría son casos que son importados doutras comunidades autónomas e doutros países" e, como consello, insistiu en que "temos que ser moi disciplinados no uso da máscara, na hixiene de mans e manter a distancia social", así como na necesidade de "evitar, na medida en que sexas posible, as aglomeracións de xente".
Todas as persoas que cheguen a Galicia teñen que facer o rexistro de viaxeiros. O cuestionario téñeno dispoñible na páxina do Sergas e continúa activo o teléfono que a Xunta puxo ao dispor dos viaxeiros, o 881002021.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.