Adxudican o contrato de reparacións de espazos públicos rurais por un importe de máis de 760.000 euros
Por Redacción
Alberto Oubiña, concelleiro responsable do Rural en Pontevedra, explicaba que este martes se adxudicaba á empresa Construcciones E. C. Casas o novo contrato de sostemento de espazos públicos rurais por un importe de 760.761 euros.
O contrato saíra a licitación por unha cantidade de 1.080.000 euros e a empresa pontevedresa realizou a mellor oferta na que se contemplan tamén melloras como o incremento de espesor da capa de pavimento nas reparacións de calzadas e tamén presentou o prazo de resposta máis inmediato ante as incidencias que se rexistren.
O goberno local de Pontevedra espera que a finais deste mes de agosto ou a comezos de setembro poida executarse o contrato que para este ano conta cunha partida de 284.000 euros para solucionar calquera inconveniente de carácter pequeno que requira unha intervención inmediata nas parroquias de Pontevedra.
O contrato é por unha duración de tres anos, prorrogable unha anualidade máis cunha previsión de actuacións por valor de 360.000 euros anuais, segundo os cálculos realizados polo servizo municipal.
Este contrato, explicaba Alberto Oubiña tras a comisión de Mobilidade, inclúese na liña de actuacións que o Concello está a levar a cabo durante este mandato coa intención de potenciar o rural pontevedrés. O concelleiro afirmou que está prevista unha achega dun millón de euros durante estes catro anos nas parroquias pontevedresas con, entre outras, melloras en saneamento, obras de reforma de núcleos de vivendas, adaptación de repetidores de TDT, melloras na accesibilidade ou a creación de parques forestais como o da Fracha en Marcón ou A Tomba na parroquia de Campañó.
Relacionadas:
-
O Parque forestal da Tomba estará rematado a final de ano
Por Redacción |
-
Impulsan obras en todas as parroquias do rural a partir da semana que vén
Por Alejandro Espiño |
-
Guerra ás fochancas que se xeraron no rural polas choivas dos últimos meses
Por Redacción |
-
O Concello destinará 361.000 euros anuais a manter espazos públicos no rural
Por Alejandro Espiño |