O tramo final da Rúa Igrexa de Raxó terá unha senda e un novo paso para peóns
Por Redacción
O Concello de Poio, a través da Concellería de Seguridade Cidadá, ten previsto executar un plan de mellora peonil nun tramo da Rúa Igrexa, nas inmediacións do Centro Cultural Xaime Illa de Raxó.
En concreto, actuarase na subida cara a PO-308, onde se atopaba a antiga incorporación á estrada autonómica, que foi pechada ao tráfico logo da construción, por parte da Xunta de Galicia, dun vial alternativo que vai desde o núcleo da parroquia ata a nova rotonda.
A día de hoxe esta rúa carece das medidas necesarias para garantir a seguridade para os viandantes.
O proxecto impulsado polo Concello consistirá na dotación de sinalización horizontal, como o pintado dunha senda peonil no marxe dereito da subida. Ademais, tal e como explica a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, dotarase á contorna dun paso de peóns.
Estas medidas en ningún caso significarán unha redución das prazas para estacionar e, en cambio, "garanten unha maior seguridade para a cidadanía", engade a edil nacionalista, que salienta que xa se lle deu traslado desta medida ás persoas residentes neste enclave.
"O Concello estivo estudando a situación desta zona, no que existe un déficit no que a seguridade peonil se refire, motivado pola mala execución por parte da Xunta de Galicia do proxecto da PO-308 e do novo vial. Dentro das nosas posibilidades, o Goberno local sempre vai apostar por remodelacións como a que imos facer aquí, para garantir o benestar e a seguridade das persoas", concluíu Marga Caldas.
Está previsto que as tarefas de pintado comecen de xeito inmediato e conclúan esta mesma semana.
Relacionadas:
-
Máis seguridade viaria e nova organización dos estacionamentos en Campelo
Por Redacción |
-
A humanización da PO-308, desde A Granxa ata A Lanzada, entra na súa recta final
Por Redacción |
-
A PO-308 entre O Covelo e A Granxa é agora unha estrada "moito máis funcional, humana e segura", segundo a Xunta
Por Redacción |
-
Pasos de peóns e prazas de carga e descarga, principais reclamacións veciñais á Xunta para a reformada PO-308
Por Redacción |