Francisco Costa deixa a alcaldía de Vilaboa tras 13 meses de mandato por "motivos persoais"
Por Redacción
Francisco Costa Fernández, alcalde de Vilaboa, anunciou este martes 4 que renuncia ao seu posto como rexedor por "motivos persoais". Así o trasladaba nun comunicado sinalando que xa llo anunciou aos seus compañeiros de goberno e que a decisión se fará efectiva en próximas datas.
Segundo relata no escrito, todos os acontecementos sucedidos desde o mes de marzo coa irrupción da pandemia da Covid-19 provocaron que se fixese máis difícil compatibilizar a súa vida profesional co cargo que ostenta á fronte do Concello de Vilaboa.
Costa, produtor de Televisión Española en Santiago de Compostela, indica que nos últimos meses sumáronse problemas de saúde na súa contorna familiar e esta suma de situacións provocou unha deterioración na súa propia saúde.
Por este motivo, explica que "o mellor que podo facer agora mesmo polos veciños de Vilaboa e pola miña familia é deixar paso a un compañeiro, que poida seguir adiante con estes proxectos que iniciamos para mellorar o día a día dos cidadáns".
Anuncia que entregará a súa acta de concelleira, decisión que levará ao próximo pleno da corporación municipal. Francisco Costa, de 40 anos, sinala que se trata dunha decisión meditada e consultada pero que lle provoca unha enorme pena "aliviada, iso si, coa seguridade de que quen me substitúa saberá estar á altura de todas as veciñas e veciños de Vilaboa", indica o rexedor.
No comunicado agradece o traballo e a dedicación dos integrantes do Goberno municipal e ao resto da corporación pola actitude que mantiveron con el, mesmo nos momentos de desacordo.
Francisco Costa, coñecido como popularmente como "Kiko", é concelleiro desde 2015 cando entrou a formar parte do grupo socialista que lideraba o alcalde José Luis Poceiro. Ocupou a concellería de Medio Ambiente e Deportes durante catro anos. Encabezou a candidatura socialista cando Poceiro decidiu non volver presentarse e nas últimas eleccións municipais, hai 13 meses, lograba a maioría na corporación con seis concelleiros situándose á fronte da alcaldía, "a maior honra que poderían brindarme os meus veciños", afirma na súa despedida.
Relacionadas:
-
César Poza convértese en alcalde de Vilaboa con maioría simple
Por Redacción |
-
Rompe o Bipartito de Vilaboa: o BNG deixa o goberno, pero apoiará a elección de César Poza
Por Redacción |
-
César Poza, aposta do PSOE para substituír ao dimisionario alcalde de Vilaboa
Por Redacción |
-
Cisma no bipartito de Vilaboa tras a dimisión do alcalde: o BNG acusa de "desleal" ao PSOE e analiza a súa continuidade
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Vilaboa pide a reapertura de atención primaria no consultorio de Santa Cristina de Cobres
Por Oskar Viéitez |