Os arqueológos cren ter achado na rúa Barón o primeiro nicho tardorromano da cidade
Por Alejandro Espiño
A rúa Barón e a contorna do Parador de Turismo é o "epicentro" dos achados romanos na cidade, restos que poden axudar a entender a "cartografía" da Pontevedra da época. Así o destacou o arqueólogo municipal. Xoan Carlos Castro, que xunto co concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, visitaron os restos arqueolóxicos achados nas obras de rehabilitación da Enfesta de San Telmo.
Trátase dunha zona na que unhas obras efectuadas por Fenosa en 2001 xa destaparan parte deste xacemento arqueóloxico. Agora apareceron novas construcións e catalogouse correctamente os restos atopados. Pero a gran novidade é a aparición, xunto ao actual Colexio de Aparelladores, da que podería ser a primeira tumba tardorromana que se descobre en Pontevedra.
Segundo explicou Javier Chao, arqueólogo da empresa Tomos, grazas a estas obras apareceron estratigrafías da época romana "moi alteradas pola presión urbanística da zona e polas instalacións próximas de saneamento ou electricidade". Todo se articula en torno a unha edificación da que tan só se percibe a súa ocupación en planta "pero somos capaces de interpretar unha zona interior situada non Colexio de Aparelladores e parte da Enfesta".
Na parte exterior desta edificación, na rúa Barón, é onde apareceu ese posible enterramento tardorromano, que estaría "pegada a un dos seus muros". Trátase dunha "serie de ladrillos inequívocamente romanos perfectamente colocados, adosados a un muro e que estruturalmente non teñen función, arquitectonicamente non teñen sentido e físicamente a súa forma é o fondo dun nicho".
Este achado poderá datarse de forma bastante aproximada, porque en dito enterramento atopáronse restos de carbono que, mediante a proba do carbono 14 en laboratorio, arroxarán unha data de orixe. En todo caso, calcúlase que se trata dun enterramento do século III ou IV, aínda que segundo Javier Chao "chama a atención que esté onde esté", porque recordou que tradicionalmente as tumbas romanas "estaban fóra das cidades".
Xoan Carlos Castro explicou que os materiais e construcións achados "son coherentes co que xa sabiamos". Restos similares foron aparecendo "en paralelo ao que sería a traza da vía romana XIX", entre as rúas Real e Barón. "A Pontevedra romana articulábase en torno a esta vía", afirmou. Trátase dunha "mansio pequena e non unha cidade" que daba servizo aos viaxeiros e relacionada coa ponte romana "que aínda non localizamos" e ao río.
En relación a todos estes traballos, o concelleiro de Patrimonio Histórico sinalou que o obxectivo final é que Pontevedra poida chegar a contar cun "mapa guía" da orixe romana da cidade. Para iso, avanzou Luís Bará, "estamos dispostos a facer os gastos necesarios, que tampouco serán desmesurados, para ter o máximo coñecemento do que temos". E todo porque sinalou que "merece o esforzo" coñecer a nosa historia.
Neste sentido, mostrouse convencido de que próximas obras que se poidan levar a cabo na Praza do Peirao ou na rúa Barón deixarán ao descuberto novos restos romanos, igual que pasou na Praza Valentín García Escudero. Servirán para "coñecer ao máximo" as orixes romanas da cidade de Pontevedra. En todo caso, todos estes restos, tras ser estudados e debidamente catalogados, volveranse a cubrir.