Maica Larriba pide respecto e responsabilidade aos arousáns durante as festas
Por Redacción
A subdelegada de Goberno, Maica Larriba, presidiu este mércores xunto ao alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, a Xunta Local de Seguridade para coordinar o dispositivo de seguridade das próximas festividades da vila. Na reunión tamén estaban presentes os servizos de emerxencia local, a Policía Local e a Policía Nacional.
Así mesmo, durante a reunión revisáronse as medidas específicas de prevención e protección fronte a Covid19. A subdelegada do Goberno e o alcalde pediron respecto e responsabilidade á veciñanza e visitantes durante estes días. Neste sentido, Larriba apelou á responsabilidade individual e solicitou á cidadanía "respecto ás medidas sanitarias, así como un comportamento exemplar durante estas datas".
A subdelegada do Goberno asegurou que "as forzas e corpos de seguridade velarán polo comportamento cívico da cidadanía cunha actitude preventiva e tomarán todas aquelas medidas que sexan necesarias para garantir que se cumpran as normas sanitarias vixentes, así como a seguridade cidadá".
Alberto Varela agradeceu a presenza da subdelegada do Goberno na Xunta Local de Seguridade e a colaboración prestada pola Subdelegación desde o primeiro momento para asegurar o correcto desenvolvemento duns festexos que "serán distintos, xa que a festa da auga non se celebrará como se viña facendo ata agora". O alcalde anunciou que este ano o combate naval "será lanzado desde tres puntos diferentes para evitar concentracións". Así mesmo, quixo solicitar a axuda e colaboración da veciñanza para garantir a seguridade das festas e pediu, en especial, "non tirar auga desde os inmobles".
Do mesmo xeito, a subdelegada lembrou a súa "dispoñibilidade e compromiso con todos os municipios da provincia para colaborar en todos aqueles aspectos que sexan necesarios" e destacou a "perfecta sintonía co Concello de Vilagarcía e o seu alcalde".
Por último, Larriba fixo un chamamento á cidadanía para que siga protexéndose, "porque o virus permanece entre nós e aínda non temos una vacina que garanta a nosa seguridade".