Ganas de xogar no demandado parque infantil de Médico Ballina: “Es como un sueño hecho realidad”
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Anos de pancartas, protestas e todo tipo de reclamacións atoparon, por fin, resposta. Os veciños de Médico Ballina levaban desde 2012 reclamando un parque infantil na súa zona e xa en 2014 protagonizaron os primeiros actos reivindicativos e finalmente o 5 de agosto de 2020 puideron ver como os nenos do barrio xogaban e ríanse en tan ansiada infraestrutura.
Este mércores abriu as súas portas sen a desexada inauguración oficial por responsabilidade, para evitar riscos asociados á pandemia, pero coas mesmas ganas que se houbese unha gran festa. De feito, minutos antes das doce, mesmo había familias facendo cola para poder utilizalo.
Valeria, unha nena desta zona de Lérez de 9 anos, resume o sentir de todos os veciños cun expresivo "mimá... es como un sueño hecho realidad" que revela moita espera e ganas de xogar. Nada máis abrir as portas, accedeu ao recinto e explicou que tiña "muchísimas ganas" e que mesmo nos últimos meses "pasábamos y le preguntábamos a los obreros cuándo empezaban".
A súa primeira impresión foi inmellorable. "Me parece muy guay, muy divertido", asegurou, sen poder deixar de mirar a un dos elementos de xogo instalados nos 1.200 metros cadrados de parque.
O proxecto, adxudicado á empresa Bricantel España por un importe de 157.520,79 euros, inclúe xogos para diferentes idades, entre os que se inclúen unha tirolesa; un pórtico de randeeiras con dúas cadeiras planas, unha para bebés e outra inclusiva; unha randeeira con forma de cesto; dous equipos combinados (a maneira de xincana); paneis lúdicos para xogar ao tres e ao catro en raia; un labirinto inclusivo, e varias randeeiras con resortes.
No seu primeiro día, a tirolesa foi o máis exitoso entre os primeiros usuarios. É o caso de Alba, unha nena de 9 anos que vive preto do novo parque á que a nova zona de xogos encántalle "porque tiene muchas cosas". Estrañada porque "hay pocos niños en el primer día", lanzouse pola súa ansiada tirolesa e asegurou: "tenía tantas ganas desde hace años...".
A súa homónima Alba, de 11 anos, toleada por balancearse, confirmou que "llevábamos aquí años esperando a que abriesen" e que o resultado deu resposta ás súas demandas, pois "hay bastante espacio para correr y para jugar y los columpios están muy bien".
Ese tempo de espera non se lle escapa aos representantes municipais. Ata o parque achegáronse no seu primeiro día o concelleiro responsable de Parques e Xardíns, Iván Puentes, e os seus compañeiros socialistas Yoya Blanco e Tino Fernández, ademais do concelleiro do PP Martín Martínez, que desde a súa chegada á corporación en 2019 demandou este parque, e o ex edil 'popular' César Abal, gran defensor do servizo na súa etapa no Concello.
Puentes agradeceu a "paciencia e xenerosidade" dos veciños da zona que levan anos esperando o que se converteu no parque 58 de Pontevedra e lembrou que o proxecto enfrontou nos últimos anos "todo tipo de complicacións" ata que, coa súa chegada ao cargo, hai pouco máis dun ano, retomouse e, superada a "maraña administrativa" para que Adif cedese o espazo ao Concello, o pasado Nadal os problemas solucionáronse.
O 28 de xaneiro comezaron as obras e debían estar terminadas en tres meses, pero a irrupción da pandemia suspendeunas. Agora, finalmente, o parque puido abrirse e tamén abre unha nova liña de parques infantís na cidade que seguirá dúas premisas: accesibilidade e participación cidadá.
Neste caso, acordouse o proxecto cos veciños e incorporáronse demandas súas como unha fonte e dúas árbores na entrada, así como unha franxa de novas árbores que se irán instalando nos próximos meses nun lateral.
En canto á accesibilidade, Teresa Martínez, responsable da empresa Bricantel, confirmou que incorpora xogos inclusivos e que todo o parque é accesible e o concelleiro de Parques avanzou que nas próximas semanas instalarase cartelería en braille para que sexa accesible tamén para as persoas invidentes.
Ademais dunha zona de xogos, inclúe outra zona de descanso con catro bancos, tres papeleiras, unha mesa de de ping-pong, dúas mesas con taboleiros (para xogos de mesa: xadrez e parchís) e bancos incorporados, tres papeleiras e fontes de auga adaptadas a persoas con mobilidade reducida que este mércores xa tiveron aos seus primeiros usuarios.
O acto de apertura tan só tivo como nota discordante as declaracións de veciños como Manuel Villa, que forma parte do grupo de persoas que "hemos peleado por este parque y vemos la luz después de ocho años". Encantando cun parque "muy bonito y muy bien hecho", agradece a Iván Pontes que "se ha movido y se ha hecho el parque", pero critica o deixamento do Concello nos últimos anos.
Relacionadas:
-
Reabre o parque infantil de Médico Ballina coa estrea de 13 árbores de sombra
Por Redacción |
-
Pontevedra seguirá desinfectando a diario os seus parques infantís polo menos ata xaneiro
Por Manu Otero |
-
Plantan trece árbores para darlle sombra ao parque infantil de Médico Ballina
Por Redacción |
-
Canto supón manter os parques infantís de Pontevedra en óptimas condicións hixiénicas cada mes?
Por Redacción |
-
Médico Ballina estreará a próxima semana o seu ansiado parque infantil
Por Alejandro Espiño |
-
O PP reitera a súa petición de cambio de nome do parque de Médico Ballina e que se lle dote de árbores
Por Redacción | Creada e actualizada
-
6 de xullo, nova data para a estrea do parque infantil de Médico Ballina
Por Alejandro Espiño |
-
O parque infantil de Médico Ballina vai tomando forma
Por Redacción |
-
As obras do parque infantil da rúa Médico Ballina, por fin en marcha
Por Alejandro Espiño |
-
O Adif autoriza a construción do parque infantil de Médico Ballina
Por Redacción |
-
A burocracia administrativa atrasa a xaneiro o parque infantil de Médico Ballina
Por Alejandro Espiño |
-
O parque infantil de Médico Ballina, pendente dun trámite do ADIF
Por Redacción |
-
Protesta infantil en Médico Ballina: quero un columpio
Por Natalia Puga |