Centos de peixes morren no río Gafos debido á vertedura causada pola obstrución dun sumidoiro
Por Anxo Lourido
Un particular alertaba no mediodía deste mércores 5 á asociación Vaipolorío da presenza dunha vertedura na zona do Marco que afectaba o río Pintos, afluente do Gafos, que percorre a parroquia de Marcón. Xosé Feijoo, do colectivo ecoloxista, sinala que unha vez que compareceu no punto atopou centos de peixes mortos contaminados por unha vertedura procedente dun sumidoiro atrancado, que estaba a expulsar augas fecais ao leito do río.
A partir dese momento informábase o servizo do 112 Galicia e ata o lugar desprazábanse axentes da Policía Local de Pontevedra e da Policía Autonómica; operarios da empresa concesionaria do servizo de augas Viaqua; técnicos de Augas de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente, que tomaron mostras das augas contaminadas.
De todos os xeitos, a vertedura aínda era visible ao longo da tarde no desenvolvemento do río dos Gafos ao seu paso pola contorna urbana, nas inmediacións á estación de autobuses coa presenza dos peixes mortos, que provocaron o malestar entre as persoas que paseaban pola zona. Xosé Feijoo mostrábase crítico co tempo da intervención nestes casos que afectan ao medio natural: "se fose na Michelena igual era distinto, pero sendo no Marco todo vai máis lento".
O integrante de Vaipolorío sinala que, sobre todo, morreron numerosos escalos, troitas e anguías nesta nova vertedura causada por unha arqueta obstruída por algún material que provocaba un tapón, que tentaban desatascar os operarios de Viaqua.
Xosé Feijoo lamenta que desde a concellería de Medio Ambiente non existan medios para tomar mostras inmediatas e determinar a orixe destas verteduras. Sinala que unha contaminación destas características resulta moi grave nun momento en que o caudal do río baixou moitísimo debido á seca e á tensión que sofre polas obras da A-57 na Fracha.
Precisamente este mércores, a asociación denunciaba tamén a vertedura voluminosa dun colchón no tramo urbano dos Gafos. A asociación continúa desenvolvendo labores de limpeza do leito do río durante as mañás dos domingos. Para participar é necesario chamar ao teléfono 676.842.942.
Relacionadas:
-
Un sumidoiro no Marco leva unha década vertendo fecais ao río Gafos cada vez que chove
Por Oskar Viéitez |
-
Eliminan unha vertedura de augas residuais ao río Gafos en Salcedo
Por Redacción |
-
Mergulladores traballan en Beiramar para evitar que a auga do mar chegue á depuradora
Por Alejandro Espiño |
-
Vaipolorío conclúe a súa campaña de limpeza no Gafos coa recollida de 80 quilos de residuos
Por Redacción |
-
Vaipolorío denuncia a aparición dunha trampa ilegal para troitas no río Gafos
Por Redacción |
-
Desfanse dun colchón lanzándoo ao río dos Gafos
Por Redacción |
-
Vaipolorío convoca a segunda xornada de limpeza do río Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
A Covid non frea a campaña anual de Vaipolorío para limpar a contorna do Gafos
Por Redacción |