O Sergas inclúe a Madrid no rexistro de viaxeiros e retira da lista a Portugal e A Rioxa
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Sanidade ven de actualizar o listado de territorios de obrigado rexistro para viaxeiros que chegan a Galicia e que se publicou na tarde deste mércores no Diario Oficial de Galicia. Esta actualización ven xustificada pola evolución de la situación epidemiolóxica tanto en distintas comunidades autónomas como noutros países.
Entre as principais novidades a nivel nacional que recolle esta lista actualizada, destaca a inclusión de Madrid, mentres que pola contra xa non será obrigatorio resixtrarse para os viaxeiros procedentes da Rioxa. Continúan na lista Aragón, Cataluña, Navarra e País Vasco. En canto aos cambios internacionais, cómpre sinalar a exclusión de Portugal, polo que as persoas procedentes do país veciño xa non estarán obrigados a proporcionar os seus datos de contacto.
Galicia é a terceira comunidade autónoma con menor incidencia acumulada nos últimos 14 días, de acordo cos datos que reflicte o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitaria do Ministerio de Sanidade.
Cómpre lembrar que todos os viaxeiros que cheguen a Galicia, tras permanecer dentro do período de 14 días anteriores á súa chegada en territorios que posúan unha incidencia epidemiolóxica 4 veces superior á de Galicia, deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias, independentemente de que sexan residentes na nosa comunidade ou non. Deste xeito, Sanidade procura acadar un diagnóstico máis precoz de calquera infección polo virus, protexendo así a saúde dos cidadáns.
As persoas que visiten Galicia, terán un espazo de tempo de vintecatro horas, desde a súa chegada, para comunicar os seus datos de contacto, un trámite que terán que realizar cada un dos viaxeiros.