Seis persoas da empresa Mochi en corentena "por precaución" tras servir un cátering nunha casa cun positivo
Por Natalia Puga
Seis persoas vinculadas á empresa pontevedresa Mochi atópanse illadas "por precaución" despois de que o pasado domingo realizasen un servizo de cátering nunha vivenda da localidade ourensá de Avión cuxa anfitrioa deu positivo por coronavirus.
A propia empresa confirmou esta corentena, que adelantou este xoves Diario de Pontevedra. Afecta a catro traballadores e os propietarios da empresa. O propietario acudiu a ese mesmo servizo e a súa esposa acudiu a recollelo a Avión e estivo en contacto con el no vehículo de regreso durante todo o traxecto.
Esta corentena non afecta o funcionamento habitual da empresa. Gustavo Sobral, fillo dos propietarios, aclarou que esas seis persoas realizaron o servizo sobre o que recaen as sospeitas en Avión, de modo que as instalacións da empresa e a Finca Batacos da súa propiedade non estiveron expostas a ningún posible contaxio e garántese a súa seguridade. Todos os servizos previstos, seguen en pé sen riscos.
Segundo confirmaron desde a empresa, o servizo prestouse en Avión o domingo e esa mesma tarde a dona da casa recibiu a confirmación de que dera positivo. A muller estaba pendente do resultado da proba e, cando a recibiu, púxose en contacto con Mochi para darlle a coñecer a situación. Tamén aos 23 asistentes á comida, aos que se fará seguimento.
"Nos lo comunicó en el mismo momento en que se lo comunicaron a ellos", explican. E eles inmediatamente se pusierion en contacto coas autoridades sanitarias e optaron polo illamento aos cinco traballadores e a esposa do propietario.
Segundo explica Gustavo Sobral, "nos lo recomendaron por prevención" porque "las probabilidades de que salga positivo son muy bajas", pois utilizaron máscaras e xeles desinfectantes en todo momento e non chegaron a estar máis de 15 minutos en contacto con ningún dos comensais.
A unha desas persoas en corentena xa lle fixeron a proba e deu resultado negativo e ao resto iranlla facendo nos próximos días. Ademais, segundo aseguran, "no tiene síntomas de ningún tipo y están perfectamente".
TURISTAS CONFINADOS EN MEIS
Doutra banda, segundo publica Faro de Vigo, en Meis tres novos turistas madrileños permanecen confinados nunha vivenda de aluguer da parroquia de San Lourenzo de Nogueira á que acudiran para pasar as vacacións. Un deles empezou a ter síntomas e deu positivo, de modo que se optou por confinar aos tres na casa na que pasaran as vacacións.
Os mozos permanecerán 15 días na vivenda e están a recibir axuda do Concello de Meis. A propietaria da vivenda tivo que avisar aos turistas que ían ocupar a casa tras a súa marcha para cancelar o seu reserva, pois o illamento debe realizarse, por responsabilidade, na mesma casa.