O Festival Chalaniñas, un éxito de participación que reuniu 300 persoas en Lourido nas noites desta semana
Por Redacción
O Festival Chalaniñas reuniu durante tres noites desta semana arredor de 300 persoas en Poio para gozar de espectáculos de malabares, equilibrios e humor protagonizados por Peter Punk Paiaso, Xampatito Pato e Kanbahiota: La Coquette.
A cita desenvolveuse en Lourido, o luns en Costa Xiráldez, o martes en Cabeceira e o mércores na praia de Lourido e resultou, segundo o balance realizado polo Concello de Poio, un éxito en canto a participación.
O festival foi unha das actividades estrela do Reinicia o Verán Poio e tivo aforo limitado no marco das medidas de seguridade, distanciamento e de hixiene para loitar contra a Covid-19. O éxito viuse en que practicamente se encheu nas tres xornadas, tal e como salientou o concelleiro de Festexos, o nacionalista Xosé Luís Martínez.
O programa Reinicia o Verán Poio prolongarase ata o vindeiro 20 de setembro con actividades en todas as parroquias. Na tarde deste xoves a Finca de Besada acollerá, a partires das 22.00 horas, un concerto a cargo do grupo Cachas and Cousis e o venres será a quenda de COU, que ofrecerá un espectáculo ‘clown’ para idade infantil no adro da igrexa de San Salvador (20.30 horas).
O sábado 8 de agosto o adro da igrexa de San Salvador acollerá unha actuación a cargo da Banda Unión Musical de Meaño, gañadora de numerosos certames. O concerto comezará ás 13.00 horas.
O domingo pola mañá, ás 12.30 horas, a Batucada Queimatasa amenizará o núcleo da parroquia de Raxó cun pasarrúas. Pola noite, ás 22.00 horas, será a quenda dunha nova sesión de cine ao aire libre na Reiboa coa proxección do filme O que arde, dirixido por Oliver Laxe e que en 2019 recibiu dous premios Goya e o Premio do Xurado no Festival de Cannes.
Relacionadas:
-
O grupo pontevedrés Malkeda porá a banda sonora ao fin de agosto en Poio
Por Redacción |
-
Complétase o aforo para poder participar na cata de viños do Mosteiro de Poio
Por Redacción |
-
Espectáculos acrobáticos e humor, oferta do Festival Chalaniñas de Lourido
Por Redacción |
-
"Reinicia o verán" ofrecerá espectáculos de teatro, maxia, cine na rúa e concertos durante esta semana
Por Redacción |