Zafarrancho de limpeza e acondicionamento nas zonas arqueolóxicas de Cuntis
Por Redacción
O Concello de Cuntis levou a cabo un zafarrancho de limpeza e acondicionamento das zonas arqueolóxicas do municipio para manter o seu óptimo estado de preservación á vez que se conserva en condicións para a visita de turistas durante estes meses estivais.
Esta actuación, que se inclúe no plan municipal de mantemento do legado arqueolóxico, realizouse na Ran, onde se sitúan os petróglifos de Outeiro de Forno de Tella e Outeiro do Moucho; en Cardecido, concretamente na área patrimonial de Outeiro de Cartas de Fóra e en Cequeril, onde se atopan os bens de Laxe dos Homes e Outeiro dos Campillos.
Os traballos, realizados por persoal municipal, deixaron acondicionadas estas áreas, así como a rede de carreiros que conecta e dá acceso ás diferentes zonas arqueolóxicas.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, destaca o "esforzo realizado polo goberno municipal durante os últimos anos na xestión dos xacementos de petróglifos", engadindo que "a idea é seguir dando a coñecer o noso importante patrimonio arqueolóxico como atractivo turístico e cultural e poñer en valor estes espazos para favorecer o sendeirismo e o lecer ao aire libre".